Inícianse as obras de construción dunha nova praza no centro do Porriño
Continuando na liña de traballo en materia urbanística trazada polo Concello do Porriño en pro de construír un municipio ordenado e humanizar novos espazos públicos e de recreo para uso e desfrute de todos os veciños, mañá xoves comezarán a executarse as obras de construción da nova praza que en pleno centro urbano.
Actualmente, a zona de entroncamento da rúa Antonio Palacios e a Avenida de Galicia, espazo próximo á Casa Consistorial e ao centro histórico do noso municipio, conta con varios inmobles en estado ruinoso que, ademais de dar unha mala imaxe impiden o correcto desenvolvemento urbanístico. Ambas as dúas edificacións foron adquiridas no ano 2011 polo Concello do Porriño, para proceder á súa demolición e á posterior execución deste plan no soar resultante.
O proxecto de obra, cuxo presuposto rolda os 300.000 euros, considera a transformación deste lugar nun novo espazo público de recreo, achegando funcionalidade a este céntrico enclave, e a mellora do entroncamento de dúas das principais vías de acceso á nosa zona urbana.
Na rotonda que comunica a rúa Antonio Palacios coa Avenida de Galicia e a Rúa Domingo Bo acometeranse unha serie de melloras, a ampliación a dous carrís de entrada e saída á Avenida de Galicia; actuación que mellorará notablemente o tráfico e diminuirá as retencións axilizando o acceso ao centro do Porriño. Así mesmo, a estreita rúa que comunica actualmente a zona peonil coa avenida transformarase nun vial de acceso.
A creación de novas zonas abertas de recreo e o limpamento de espazos abandonados é un marcado obxectivo do goberno local. “Dende o Concello seguiremos promovendo melloras na calidade de vida dos veciños do Porriño mediante o aproveitamento dos espazos públicos”, asegura o alcalde do Porriño, Nelson Santos, “este proxecto ademais de supoñer unha mellora estética substancial, facilitará o acceso á zona urbana axilizando notablemente o tráfico en dúas das vías máis transitadas do centro”.











