Francisco Conde destaca os 70 anos de historia da empresa porriñesa de compoñentes Viza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Porriño
A-
A+
Francisco Conde na visita a Viza

Francisco Conde na visita a Viza

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe os 70 anos de historia industrial da empresa porriñesa de compoñentes Viza como exemplo da aposta pola innovación da automoción galega. Nunha visita ás instalacións que a empresa ten no polígono de As Gándaras, Conde subliñou que a compañía está a apuntalar o seu crecemento grazas a unha decidida aposta pola internacionalización -establecendo filiais en Chequia e Marrocos- e a mellora tecnolóxica en procesos e produtos.

Conde subliñou o compromiso do Goberno galego para “acompañar os esforzos do sector” de cara a impulsar a súa competitividade, co obxectivo de consolidar a Galicia como un polo industrial do sector da automoción, e puxo neste senso a Viza como “un claro referente de saber facer as cousas”. Ese apoio ao crecemento innovador se traduce no caso da empresa porriñesa na súa participación nun proxecto do programa Innterconecta, no que Viza participa xunto varias empreses líderes do sector, Aimen e o CTAG, e que busca novas arquitecturas modulares de interior para vehículos utilitarios lixeiros, mobilizando 6,1 millóns de euros.

O sector, defendeu o conselleiro, ten que “seguir traballando no que Viza leva traballando 70 anos, en mellorar a súa competitividade, impulsando tanto a súa tecnoloxía tanto de procesos como de produtos”, un factor clave para aproveitar, sinalou, a oportunidade que se abre co proxecto K9 de PSA Peugeot-Citroën.

A adxudicación dos novos modelos a Balaídos supón garantir unha produción de 2 millóns de unidades en 10 anos, abrindo as portas a reforzar a carga de traballo das empresas, e completar a cadea de valor do automóbil en Galicia. Neste senso, Conde amosouse convencido da necesidade de apostar pola Industria 4.0 como chave para que a industria de compoñentes acade a necesaria capacidade non só para competir con éxito de cara a participación no K9, senón para acadar novos proxectos da multinacional no futuro.

É “un reto para o sector da automoción galego”, destacou o conselleiro, que pasa por mellor loxística, máis investimentos, máis diversificación de clientes, máis tecnoloxía, e unha constante mellora dos procesos. “En definitiva, traballar en todos aqueles aspectos que están a mellorar a súa competitividade”, impulsando “a redución de custes vinculados aos procesos de innovación e de avance tecnolóxico”, destacou.

28 de xaneiro de 2015 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.