Comezan a executarse no Porriño as obras de mellora da avenida de Galicia
Continuando na liña de traballo trazada polo Concello do Porriño en materia de mellora das infraestruturas urbanas, onte deron comezo os traballos de reparación do pavimento da Avenida de Galicia.
Este vial constitúe un dos principais accesos á zona urbana e rexistra un elevado índice de tránsito rodado a diario. Debido a iso, o pavimento a calzada de circulación presentaba deficiencias por agretamento, disgregación e perda da masa do aglomerado asfáltico, en varios tramos.
Por outra parte, as plataformas das dúas paradas de autobús alí situadas, mostraban tamén un evidente estado de deterioración, ao encontrarse o formigón agretado e solto da súa base en numerosos puntos.
Os traballos a realizar, cuxo investimento supera os 25.000 euros, consistirán na repavimentación de preto de 1000 m2 de superficie en varios tramos deste vial e serán acometidos na súa totalidade polo Concello do Porriño con fondos propios.
“A mellora do pavimento da avenida e a ampliación a dous carrís de entrada e saída á rotonda que inclúe o proxecto de construción da nova praza mellorarán notablemente o tráfico e diminuirán as retencións, á vez que resolverán o recorrente problema de inundacións que viña sufrindo a calzada”; afirma o alcalde do Porriño, Nelson Santos, “este vial é de vital importancia no acceso ao centro polo que é esencial que se manteña en perfecto estado co fin de permitir o correcto desenvolvemento da actividade urbana e lograr unha maior fluidez da circulación” en Porriño.
O rexedor, conclúe “agradecendo enormemente aos veciños a paciencia mostrada ante as molestias ocasionadas por estas obras, que finalizarán en escasos días, revertendo en beneficio de todos os cidadáns do Porriño”.











