As novas tarifas do servizo de taxis do Porriño achegan unha maior transparencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O servizo de taxi do Porriño conta xa cuns módulos tarifarios que permiten a unificación de prezos entre os taxistas, aspecto que ata o momento non se encontraba regulado polo que as tarifas dependían do criterio do taxista.

“O establecemento das tarifas e a regulación completa do servizo de taxi no noso municipio reverte directamente nunha maior nunha maior calidade deste”, afirma o alcalde do Porriño, Nelson Santos, “A nova ordenanza contempla, entre outros aspectos, que cada taxi deberá contar cun taxímetro visible en todo momento para os pasaxeiros, o cal permite unha xestión do servizo completamente trasparente para o usuario de taxi no Porriño”.

Así, dende o pasado 2 de xaneiro, nos días laborables de 6 a 22 horas, a baixada de bandeira ten un custo 3,75 euros, que inclúe un percorrido de 1500 metros ou tempo equivalente, aumentando a 4,50 euros a partir das 22 horas e ata as 6, no que conformaría a Tarifa Nocturna.

Así mesmo, os sábados a partir das 15 horas, domingos e festivos, locais e autonómicos, a percepción mínima é tamén de 4,50 euros.
En canto ao prezo por quilómetro recorrido, os días laborables de 6 a 22 horas, o custo é de 1,05 euros e todos os días, de 22 a 6 horas e os sábados a partir das 15 horas, domingos e festivos, de 1,26 euros.

O prezo por hora de espera ascende a 14, 73 euros os días laborables de 6 a 22 horas e a 19,44 euros, todos os días de 22 a 6 horas e sábados a partir das 15 horas, domingos e festivos.

O novo tarifario tamén considera conceptos aplicables como o prezo de vultos ou maletas, que é de 0,60 euros, agás para cadeiras de minusválidos ou cadeiras de rodas; ou o traslado de mascotas, que custa 1 euro, a non ser que se trate dun can guía.

Cabe destacar, que os días 24 e 31 de decembro se aplicarán os prezos que establece a Tarifa Nocturna.

7 de xaneiro de 2015 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.