A Entidade Local Menor de Chenlo estrea web

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Presentación da páxina web

Presentación da páxina web

O alcalde do Porriño, Nelson Santos, acompañou esta mañá ao alcalde pedáneo de Chenlo e concelleiro do Concello do Porriño, M. Alejandro Lorenzo, e ao vogal da corporación desta entidade, Daniel González, no acto de presentación da nova páxina web que se celebrou na Sede da Entidade Local Menor de Chenlo.

A web foi concibida como unha plataforma útil onde os veciños de Chenlo teñan á súa disposición todos os contidos de interese acerca da Entidade. Os usuarios poden acceder a datos sobre a historia de Chenlo, noticias, axenda, guía ou galerías de imaxes, así como información relativa á comunidade de augas, convenios asinados pola Entidade, patrimonio, urbanismo ou o equipo local de futbol, a S.D. Chenlo.

Así mesmo, os cidadáns poderán consultar as actas dos plenos celebrados pola corporación e os acordos que neles se tomen nunha sección habilitada a tal fin.

“O novo portal web proporciona aos veciños un soporte informativo, próximo e aberto, á vez que engade a máxima transparencia á xestión da Entidade, habilitando unha sección onde se irán publicando o resultado das contas e movementos bancarios anuais, así como o enlace directo ao servizo de rendición de contas”, explica M. Alejandro Lorenzo.

Pola súa banda, o rexedor destacou neste sentido “esta nova web deixa patente a claridade e transparencia da xestión de Alejandro Lorenzo e dos seus corporativos á fronte da Entidade Local Menor de Chenlo, claridade e honestidade que acompañan sempre a todas as iniciativas que este leva a cabo”, quen concluíu, “quero dar o meu máis sincero parabén a Alejandro e ao resto da súa corporación polo encomiable labor que están a desenvolver. A transformación que está a sufrir esta Entidade e o dinamismo que está a adquirir é grazas á súa constante preocupación pola súa parroquia e polos seus veciños”.

Chenlo, que na actualidade conta con 550 habitantes, pechou novamente as súas contas con superavit, “A Entidade Local Menor de Chenlo é unha das poucas que pechou as contas cun resultado favorable”, explica Lorenzo, “Quero aproveitar esta ocasión para agradecer no meu nome e no de todos os meus corporativos, o apoio, o respecto e o trato en xeral que recibe a entidade por parte do Concello do Porriño e en concreto, do alcalde Nelson Santos”. E é que, Chenlo atravesou momentos difíciles por falta de recursos. Malia que a lei establece que o 25% dos tributos pagados polos veciños de Chenlo pertencen á propia Entidade, non foi ata o 2010, coa entrada do actual Goberno Local, cando a corporación de Chenlo puido dispoñer desta cantidade.

“Grazas á axuda inestimable do Concello do Porriño, ao respecto que este mostra a Chenlo como administración e ao aproveitamento do noso patrimonio a nosa Entidade é absolutamente solvente e coas contas ao día”, conclúe Lorenzo.

A nova web xa está dispoñible e pódese consultar a través do enlace: www.chenlo.net

26 de xaneiro de 2015 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.