Unhas 150 persoas participaron nunha xornada de deporte adaptado e discapacidade no Porriño

Olimpíadas da integración no Porriño
O pasado domingo en xornada matinal, celebrábase no Polideportivo Municipal do Porriño unha xornada de deporte adaptado á discapacidade, na que colaboraron traballadores voluntarios da nosa localidade, xunto a mozas con discapacidade intelectual de ACEESCA, ASPAVI e da CEE Juan María de Vigo.
A través dunha serie de probas atléticas, adaptadas aos niveis de todos os usuarios, os participantes colaboraron en xogos e carreiras para coñecerse e pasar unha mañá moi divertida nesta Olimpíada da integración. Máis de 100 persoas, entre voluntarios e beneficiarios, participaron nesta xornada, que terminou cunha entrega de medallas por parte do concelleiro de Deportes, M. Alejandro Lorenzo.
Desde a Fundación Deporte Integra valoraron moi positivamente o resultado desta actividade e quixeron “agradecer o apoio do Concello do Porriño a esta actividade, pondo á nosa disposición todos os medios para que a xornada puidese desenvolverse á perfección”.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes trasladou aos voluntarios e aos participantes nas probas que fixeron posible esta xornada “toda a miña admiración polo voso empeño e o meu agradecemento por facer posible que todos gocemos dunha agradable mañá de deporte en familia”.
Tras a entrega de medallas, os participantes compartiron unha comida cos seus familiares e acompañantes a estas xornadas de deporte adaptado cuxo obxectivo é a sensibilización na discapacidade dos traballadores voluntarios, para facilitar a integración social e laboral das persoas con discapacidade; o deporte e a actividade física son un medio perfecto para a colaboración mutua e para desenvolver actividades conxuntas nun ambiente lúdico e agradable.
A Fundación Deporte Integra organizou esta xornada a nivel nacional para os traballadores de Orange e Bosch, nas cidades de Madrid, León, Sevilla, Oviedo, Murcia e Salamanca, ademais da de Galicia, no noso municipio. Esta fundación xestiona escolas deportivas para nenos e mozos con discapacidade en Madrid e Castela e León, ademais de organizar accións de integración para persoas en risco de exclusión social a nivel nacional, a través do deporte e con eventos como o do pasado domingo de voluntariado corporativo no ámbito da discapacidade.











