Silleda Solidaria agradece a colaboración do público no Concerto do X Aniversario do auditorio Manuel Dopazo

Doazóns recollidas
O Concello de Silleda, a través do programa Silleda Solidaria, quere facer extensivo o seu agradecemento a todas as persoas, colectivos e entidades que están a colaborar co programa municipal de axuda as familias con menos recursos. “A colaboración estase a intensificar este Nadal de xeito importante, polo que é de agradecer todas as doazóns que estamos recibindo”, apunta o alcalde Manuel Cuiña.
Dentro destas aportacións destaca a grande cantidade recollida no concerto do X Aniversario do Auditorio Manuel Dopazo da Bandeira, celebrado o pasado sábado, no que ademais de 113, 92 euros en metálico foron aportados numerosos alimentos, xoguetes e produtos de hixiene.
Así o público e tamén algún dos colectivos culturais da Bandeira fixeron entrega duns 80 produtos alimentarios (entre os que ademais de básicos como pastas, legumes ou aceite tamén figuran outros típicos do Nadal como turrón, améndoas ou mazapáns), xoguetes e diversos produtos de hixiene persoal. Grazas a estas doazóns o Banco de Alimentos de Silleda Solidaria ven a incrementar os seus fondos este Nadal e tamén dende o programa se poderán preparar agasallos para os nenos e nenas das familias usuarias.
Por outra banda, ademais dos supermercados onde se siguen recollendo alimentos durante todo o ano, as persoas que o desexen tamén poden colaborar deixando as súas aportacións nas árbores solidarias instaladas en centros municipais.
Audición de Nadal en Silleda e Torneo “Biberón”
A próxima cita solidaria no programa de Nadal será este domingo día 21 na audición de Nadal da Escola de Música de Silleda, ás 17.00 horas no auditorio da Semana Verde, onde haberá tamén un espazo de recollida para o programa Silleda Solidaria.
Ao outra cita do programa de Nadal con Silleda solidaria será Torneo de Fútbol “Biberón” (con nenos de 4-5 anos), que se celebrará o vindeiro sábado día 27 no pavillón municipal César Fares, ás 17.00 horas. No torneo, unha das citas deportivas máis exitosas do programa do pasado ano, participarán tres equipos locais (Silleda A, Silleda B, Silleda C) e outro de Vila de Cruces. Tamén se recollerán aportacións, alimentos e xoguetes para o programa Silleda Solidaria.











