Roberto Méndez e Surhayen Pernía súmanse á espectacular lista de pilotos do Fórmula Rallye 2014
Os pilotos Roberto Méndez e Surhayen Pernía, ambos do equipo RMC Motorsport, acaban de confirmar a súa participación na proba automobilística Fórmula Rallye 2014, a cal terá lugar o vindeiro sábado, 13 de decembro, no recinto Feira Internacional de Galicia.
O leonés Roberto Méndez, fundador de RMC Motorsport e que podería volver ao Campionato de España de Rallyes en 2015, foi campión de España de Montaña en 2001, 2002 e 2003, ademais de acadar numerosos títulos autonómicos.
Pola súa banda, Surhayen Pernía, un dos pilotos con maior proxección do mundo dos rallyes a nivel nacional, contan con títulos como o de campión de España R2 de Rallyes en 2012 ou o de subcampión da Copa de España de Rallyes e o trofeo de 2RM o mesmo ano, ademais dunha sétima posición no Campionato de España de Rallyes 2014.
Estes dous pilotos súmanse á espectacular lista de participantes no Fórmula Rallye, entre os que se encontran Gilles Panizzi, François Delecour, Amador Vidal, Iván Ares, Alberto Otero, Gorka Antxutegi ou Joan Vinyes.
Estes destacados participantes están a animar á inscrición no Gran Premio FIG, o cal se disputará durante a mañá como clasificatorio para as mangas finais do Fórmula Rallye e repartirá 2.000€ entre os cinco primeiros clasificados.
Circuíto interior e exterior
Esta proba automobilística contará cun atractivo circuíto de máis de 30.000 metros cadrados dos que 10.000 serán dentro do pavillón 1 do recinto e os restantes no exterior. En canto á zona interior, contará con 1.200 prazas de graderío que permitirán a comodidade do público, se ben tamén haberá zonas para ver a proba de pé tanto dentro coma no exterior
Os pilotos interesados en participar poden inscribirse a través da web do evento, www.formularallye.com.











