publicidade hoxe

Pazos de Borbén conmemora o día internacional das persoas con discapacidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+

Desde hai anos, o Concello de Pazos de Borbén súmase á celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, unha efeméride mundial establecida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1992. A xornada contará coa participación do medallista paraolímpico Sebastián Rodriguez “Chano”, o exseleccionador paraolímpico de atletismo David Gil, os integrantes do proxecto “Discamino 2014” Javier Pitillas, José Varela e Gerardo Fernández ademais de varios representantes da xefatura provincial de Educación.

Este ano, seguindo a tónica de edicións anteriores, as actividades do Día Internacional das Persoas con Discapacidade en Barcelona foron organizadas polo Concello de Pazos de Borbén en colaboración coas entidades de persoas con discapacidade ASPAVI e APAM.

Trátase dunha programación onde as persoas con discapacidade son as protagonistas, e onde todos os cidadáns e cidadás están convidados a participar. Os actos comezarán cunha charla coloquio no que diferentes personalidades, como o medallista paraolímpico Sebastián ‘Chano’ Rodríguez, o anteriormente citado David Gil ou os integrantes do proxecto “Discamino 2014”, conversarán cos alumnos do CPI Curros Enriquez de Pazos de Borbén sobre as súas experiencias e o valor da superación persoal.

Para finalizar o encontro proxectaranse varios vídeos curtos protagonizados polos invitados como “Chano, travesía a nado desde a illa de Ons”, “700 camisetas contra a leucemia” ou un resumo do proxecto “Discamino 2014”. A continuación os asistentes gozarán dun pequeno ágape para repor forzas antes da última actividade do día, unha xincana solidaria na que os participantes porán a proba as súas habilidades en diferentes xogos de integración social. A xornada completarase cunha pequena exposición dos produtos que realizan nos seus talleres os integrantes de asociacións ASPAVI e APAM.

O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, destacou a necesidade destas xornadas e eventos para a integración das persoas con discapacidade na sociedade así como a importancia de “fomentar a visibilidade das persoas con discapacidade e ofrecer unha imaxe positiva delas co fin de favorecer a súa integración plena, o seu acceso e a súa participación na vida cultural e comunitaria”

 

1 de decembro de 2014 | 20:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.