publicidade hoxe

Pazos de Borbén celebra ao grande o Día Internacional das Persoas con Discapacidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+
Gala do Día Internacional da Discapacidade

Gala do Día Internacional da Discapacidade

Máis de 200 persoas participaron esta mañá na tradicional gala de celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade organizada polo Concello de Pazos de Borbén. A xornada contou coa participación do medallista paraolímpico Sebastián Rodriguez “Chano”, o exseleccionador paraolímpico de atletismo David Gil, os integrantes do proxecto “Discamino 2014” Javier Pitillas, José Varela e Gerardo Fernández, ademais de Javier Pellitero, creador do método de adestramento de cans de apoio que leva o seu nome.

Seguindo a tónica de edicións anteriores, as actividades do Día Internacional das Persoas con Discapacidade foron organizadas polo Concello de Pazos de Borbén en colaboración coas entidades de persoas con discapacidade ASPAVI e APAMP.

O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, foi o encargado de abrir a gala cun emotivo discurso no que lembrou que “non hai peor discapacidade que non darse conta que todos somos iguais”. A continuación, tras un conmovedor vídeo sobre o proxecto “Discamino 2014”, os seus integrantes, Javier Pitillas, José Varela e Gerardo Fernández, conversaron amenamente cos alumnos do CPI Curros Enríquez sobre os detalles da súa experiencia e o seu camiño até Roma.

O punto álxido do encontro chegou coa intervención do deportista español con máis medallas olímpicas da historia, Sebastián Rodriguez “Chano”, e o exseleccionador nacional paraolímpico, David Gil. Xuntos, e despois da proxección dalgúns vídeos nos que se repasaban os seus maiores éxitos, explicaron aos asistentes o valor da superación persoal e os principais retos do deporte paraolímpico.

Ao seu termo, os representantes da empresa Ramalladas, dedicada ao adestramento de cans de apoio, Juan Freire e Juan Luís Pellitero, explicaron os detalles do seu método de adestramento canino acompañados de “Trufa”, un excelente exemplar de labrador chocolate que fixo as delicias de todos os asistentes.

Como colofón da gala, o alcalde de Pazos de Borbén obsequiou cunhas placas de recordo aos invitados do evento e a varios voluntarios das asociacións ASPAVI e APAMP. Tampouco faltou a música de man do cantautor Gustavo Almeida, que cunha emocionante canción sobre a importancia dunha actitude positiva na vida arrincou un sonoro aplauso entre o público.

Unha vez finalizada a gala, os asistentes desprazáronse ao CPI Curros Enríquez onde gozaron dun tentempé con bizcocho e chocolate antes de participar nunha serie de xogos de concienciación sobre a integración social no que os alumnos do centro puxéronse no lugar das persoas con discapacidade afrontando diversas situacións habituais para eles.

O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, destacou ao finalizar o evento a necesidade destas xornadas e eventos para a integración das persoas con discapacidade na sociedade así como a importancia de “fomentar a visibilidade das persoas con discapacidade e ofrecer unha imaxe positiva delas co fin de favorecer a súa integración plena, o seu acceso e a súa participación na vida cultural e comunitaria”.

3 de decembro de 2014 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.