Os veciños do Porriño poderán cambiar dende o concello a dirección nos rexistros de vehículos e condutores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O pleno da corporación local aprobou onte a adhesión do Concello do Porriño ao convenio subscrito entre a Xefatura Central de Tráfico e a Federación Española de Municipios e Provincias, mediante o cal os cidadáns que se empadroen ou cambien de domicilio no noso municipio xa non terán que desprazarse á Xefatura de Tráfico de Vigo para facer alí tamén o cambio de dirección, ben sexa no Rexistro de Condutores da DXT para os efectos de notificación sobre trámites relativos ao permiso de condución, como no cambio de domicilio de vehículo no Rexistro de Vehículos para os efectos do imposto municipal de circulación.

Este intercambio de información nas materias relacionadas cos rexistros de Vehículos e de Condutores, permitirá que no momento de empadroarse no rexistro do Concello do Porriño esta modificación se remita a ambos os dous ficheiros da DGT, facilitando así que ambos os dous rexistros conten con datos plenamente actualizados.

“Coa firma deste convenio aforrarase tempo e desprazamentos innecesarios aos veciños do Porriño, á vez que se facilitan estes trámites administrativos ao ser un servizo prestado dende o propio Concello”, asegurou o alcalde do Porriño, Nelson Santos, “Ademais, teremos un acceso actualizado ao Censo de Vehículos o cal redundará nunha mellor xestión e máis eficiente”.

E é que, en materia de xestión, este convenio pon fin a unha das principais dificultades para a actualización continua dos rexistros, xa que en moitas ocasións non se comunicaba a Tráfico o cambio de domicilio para evitar o desprazamento; á vez que facilita ao Concello a xestión do Imposto sobre Vehículos ao ser coñecedor en todo momento dos datos relevantes para esta xestión.

30 de decembro de 2014 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.