Os nenos convértense nos protagonistas indiscutibles do Nadal no Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O nadal chegou a Porriño e con ela un montón de actividades para os máis pequenos. A programación do Nadal impulsada dende a Concellaría de Festexos, que dirixe M. Alejandro Lorenzo, en colaboración coas concellarías de Educación e Benestar Social, con Ana Martínez e Teresa Veloso á fronte, consolídase como un dos programas máis amplos e completos dos últimos anos. Dende o pasado 17 de decembro, véñense desenvolvendo no noso municipio múltiples actividades para todos os públicos, aínda que se alguén protagoniza estas festas en Porriño son os nenos, que volven ser os principais destinatarios de gran parte do programa.

“Con este programa de actividades esperamos achegar a ilusión do Nadal a todos os veciños en xeral, pero máis especialmente aos nosos nenos, nos que, sen dúbida, existe unha maior sensibilidade nestas datas”, sinalou o rexedor, Nelson Santos, que non quixo deixar pasar a ocasión para “desexar a todos os veciños de Porriño que pasen un Feliz Nadal”.

Obradoiros, música e outras actividades infantís encargaranse de que os máis pequenos non teñan tempo de aburrirse estas vacacións. Así, a praza Arquitecto Antonio Palacios acolle talleres impartidos polos alumnos do Obradoiro de Animación Sociocultural “Porremprego II”, nos que os nenos participan en actividades como traballos manuais, globoflexia, baile ou maquillaxe. Pero non só iso, os pequenos xogan este ano un importante papel no Nadal porriñesa, xa que foron os encargados de elaborar parte da ornamentación que adorna as nosas rúas. “Coa implicación dos nenos e nenas na decoración do Nadal, ou en actividades como o Nacemento que elaboraron en conxunto todos os centros escolares, conseguimos fomentar a súa participación activa nestas festas así como, establecer e consolidar actuacións de colaboración entre os Centros Escolares e a programación impulsada dende o Concello”, explica Ana Martínez, que quere aplaudir e destacar “a creatividade, o esforzo e o traballo de nenos e profesores co que conseguen superarse cada ano”.

Este primeiro Nacemento participativo, no que cada un dos centros escolares do noso municipio elaborou unha das figuras con material reciclado e moita ilusión, xa pode visitarse na Capela do Cristo, onde permanecerá ata o próximo 7 de Xaneiro. Por outra parte, cada un dos centros adornou con motivos do Nadal 11 paraugas, facilitados polo Concello; decenas de paraugas que agora locen na rúa Ramón González e que xa se converteu en lugar de visita obrigada. Regalos, árbores de nadal ou bólas de neve colgan de cada un deles conseguindo un orixinal e entrañable marco para os viandantes. Con todas estas actividades, o Concello persegue a promover a creatividade e expresión plástica entre a poboación escolar do noso municipio, á vez que, sempre cun marcado carácter festivo e de ilusión, sensibilizamos á infancia sobre os valores positivos que trasmite o Nadal.

Os encontros con Papá Noel e cos Paxes Reais para entregar as súas cartas, son outros dos momentos máis esperados polos nenos, momentos que culminarán cunha Gran Cabalgata de Reis o día 5 de Xaneiro, cando acompañados polas Tunas de Pontellas e Sta. Eulalia de Atios e subidos nos seus camelos, os tres Reis Magos de Oriente achegaranse a Porriño antes de repartir os seus regalos tan sinalada noite.

Como fin de festa, e como non podía ser doutro modo, serán os nenos que despidan este nadal, participando nunha gran Festa de Despedida do Nadal o día 7 de xaneiro.

O concelleiro de Festejos, M. Alejandro Lorenzo, quere reiterar o seu agradecemento a “todas as asociacións culturais, clubs deportivos, profesores e ANPAS dos centros escolares pola súa colaboración esencial nesta programación, e especialmente, ao persoal docente, dirección e alumnos de Animación Sociocultural do Obradoiro “Porremprego II” que con esforzo e ilusión farán este nadal máis especial”.

Actividades musicais infantís para comezar o ano

Unha vez recibido o 2015, a programación Navideña do Concello continúa ofrecendo actividades para os máis pequenos da casa. O sábado 3 de xaneiro, ás 18:00 horas, o Polideportivo Municipal acollerá a esperada actuación de “Os Lunnis”. Un día despois, Maxín Branco trae ao Círculo Recreativo e Cultural o seu espectáculo musical Infantil “Cantigas dá Estrela”, incluído no programa de Dinamización Lingüística para os máis pequenos da casa.

23 de decembro de 2014 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.