Os comercios e empresas de Silleda quedan sen recollida de cartón pola quebra da empresa
Ante os múltiples problemas que viña rexistrando o servizo de recollida de papel-cartón a domicilio para comercios e empresas, dende o Concello de Silleda decidiuse suspender temporalmente este servizo, por cuestións alleas á Administración Local.
A empresa que viña realizando nos últimos anos este servizo deu en quebra e a que asumiu despois o servizo non estaba a cumprir cos horarios e condicións establecidas.
“Queremos pedir disculpas a todos os usuarios deste servizo e informarlles que estamos a traballar para restablecelo canto antes, negociando con outras empresas e xestores”, explica o concelleiro de Medio Ambiente Luis Rodríguez.
Mentres non se restablece o servizo, sin coste algún para os usuarios, recomendase depositar o cartón nos colectores azuis e no caso de ter gran cantidade de residuos levalos ao punto limpo, que está aberto todos os mércores e sábados de 09.00 a 14.00 horas.











