O torneo solidario de fútbol sala recada 800 quilos de alimentos para SOS Porriño

Alimentos recollidos no torneo solidario
Centos de persoas pasaron pola pista dous do Polideportivo Municipal o pasado sábado para gozar do I Torneo Solidario de Fútbol Sala Concello do Porriño, organizado polo equipo Concello do Porriño F.S. e a Liga Metropolitana en colaboración co Concello do Porriño.
O evento foi todo un éxito de participación, logrando recadar ao redor de 800 quilos de alimentos non perecedoiros que irán destinados ao programa municipal de alimentos SOS Porriño.
“Superamos as expectativas”, afirma emocionado José Roberto Ramírez, organizador do evento, “quedou patente a solidariedade e empatía dos equipos, que non dubidaron en colaborar, gozando dunha diferente e bonita xornada deportiva na que ademais conseguimos poñer o noso gran de area para axudar aos máis necesitados”.
O equipo inter Mos alzouse co primeiro posto deste torneo, impoñéndose nunha final que se decidiría en penaltis ao Mambo. O terceiro e cuarto posto deste torneo, que enfrontou a un total de 14 equipos, foron para Enjoy e Toki-Toki respectivamente.
O alcalde do Porriño, Nelson Santos, quixo dar o parabén aos organizadores e aplaudir “iniciativas solidarias como esta para axudar aos máis necesitados a través do deporte, que sempre contarán co apoio e a colaboración do Concello”.
Dende a organización queren “agradecer enormemente ás empresas colaboradoras, patrocinadores e a todos os deportistas e participantes neste torneo a súa colaboración, grazas á cal foi todo un éxito”.











