O Porriño volverá dar a benvida ao novo ano ao ritmo das rondallas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O próximo xoves 1 de xaneiro, o Polideportivo Municipal do Porriño acollerá como cada ano o certame musical que dá a entrada ao ano novo. A XII Mostra de Rondallas del Concello do Porriño prevé reunir novamente miles de persoas, neste evento que xa se consolidou como un dos actos centrais da programación do Nadal do noso municipio dada a grande aceptación que ten ano tras ano.

Esta tradicional cita coas rondallas dará comezo ás 19:00 horas no Polideportivo Municipal, cuxas portas se abrirán ao público unha hora antes, ás 18:00 horas, con entrada libre e gratuíta ata completar aforamento.

Abrirá o certame a Rondalla Helios de Bembrive, seguida da Rondalla Sta. Eulalia de Mos e das dúas anfitrionas, a Rondalla Sta. Eulalia de Atios e a Rondalla de Pontellas. Cada unha delas actuará 12 minutos en pista.

Nesta ocasión, o Concello do Porriño quere invitar os asistentes a colaborar, de forma voluntaria, cos máis necesitados. Unindo música e solidariedade, todos aqueles que queiran poñer o seu gran de area poden facelo deixando un quilo de alimentos non perecedoiros no punto de recollida que o programa municipal de alimentos SOS Porriño habilitará na entrada, alimentos que irán destinados a axudar ás familias do noso municipio que atravesan unha situación complicada.

29 de decembro de 2014 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.