O Porriño súmase á loita contra a sida

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Mesa informativa no Porriño

Mesa informativa no Porriño

Con motivo do Día Mundial da loita contra a SIDA, a praza Arquitecto Antonio Palacios acolleu, durante toda a mañá de hoxe, unha caseta informativa e de sensibilización sobre esta enfermidade que, lonxe de erradicarse, aínda persiste en moitos ámbitos da nosa sociedade.

Desde a concellaría de Benestar Social, que dirixe Teresa Veloso, a través da Unidade de Asistencial de Drogodependencias de Porriño (O.A.D.) queren facer partícipes a todos os veciños da importancia da prevención, así como reforzar a idea de que a infección por VIH é posible a día de hoxe e que calquera persoa, en caso de dúbida, debe facerse a proba.

“Nos últimos anos houbo un repunte nos casos de SIDA, sobre todo entre os mozos. De aí a importancia de seguir traballando na concienciación; a prevención e o diagnóstico precoz son claves”, sinala a edil, Teresa Veloso.

E é que, un terzo das persoas que están infectadas por VIH descoñecen que o están e por iso poden evolucionar a formas máis graves da enfermidade e perder a oportunidade de recibir tratamento médico adecuado. O diagnóstico e seguimento médico desde estadios iniciais da enfermidade  melloran considerablemente o seu prognóstico.

A UAD do Porriño ofrece información e orientación 

A SIDA (Síndrome de Inmunodeficiencia Adquirida) é a última etapa da infección polo virus da inmunodeficiencia humana VIH. Este virus vai destruíndo as defensas da persoa sen dar apenas síntomas. Ao redor de 10 anos despois de contraer a infección desenvólvense algunhas enfermidades infecciosas ou cancros debido a esta baixada de defensas dando lugar ao que chamamos SIDA. Na actualidade, existe unha proba rápida do VIH en fluído oral, que detecta a presenza de anticorpos fronte ao virus. Esta é rápida, anónima e confidencial. Cabe destacar que non é unha proba diagnóstica, por tanto, deberá ser confirmada con probas de laboratorio.

É especialmente importante no caso das embarazadas, xa que, en caso de ser positiva,  se poidan beneficiar dun seguimento médico que elimina practicamente o risco de transmisión ao seu fillo.

Antía Estévez, educadora social da UAD do Porriño, destaca as campañas de información sobre esta enfermidade, a educación aos nosos mozos e a detección precoz como pezas crave para a súa erradicación, así como todas as liñas de actuación dirixidas a mellorar a situación e os dereitos das persoas afectadas. Os últimos datos de infección por VIH en Galicia mostran que as tendencias nas vías de transmisión nos últimos anos cambiaron, a metade dos casos infectáronse por relacións sexuais entre homes e mulleres (vía heterosexual). Unha cuarta parte das infeccións ocorren en relacións homosexuais e outra cuarta parte en persoas que comparten utensilios para inxectarse drogas.

Todos aqueles que necesiten información ou orientación respecto desta enfermidade pode dirixirse ás dependencias da Unidade de Drogodependencias do Porriño ou chamar ao teléfono 986 330 861, onde serán atendidos por un equipo multidisciplinar de maneira totalmente gratuíta e confidencial.

1 de decembro de 2014 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.