O Porriño pecha novembro con 22 desempregados menos
Os datos publicados polo SEPE (Servizo Público de Emprego Estatal) en referencia ao pasado mes de novembro arroxan novamente cifras moi positivas para o noso municipio que rexistra 22 desempregados menos con respecto ao mes de outubro.
As diversas iniciativas en materia de emprego e formación que levan a cabo desde o Concello do Porriño a través da Concellaría de Emprego, que dirixe M. Alejandro Lorenzo, continúan dando os seus froitos e é que, aos poucos e de maneira constante está a conseguirse unha notable melloría no mercado laboral do Porriño. Os datos referidos reflicten uns resultados actuais de 2.395 persoas en situación de desemprego no Porriño, o que en termos porcentuais supón unha taxa de desemprego do 16,29%, cifra considerablemente inferior á de cidades galegas como Pontevedra ou Vigo e á taxa autonómica e estatal que actualmente, cun 20,25% e un 23,67% respectivamente.
O principal obxectivo do Concello continúa sendo a xeración e o fomento de emprego, seguindo as liñas de actuación nesta materia que até agora se viñeron desenvolvendo. “O emprego é unha cuestión absolutamente prioritaria para o goberno local, continuaremos traballando nesta liña”, afirmou o alcalde do Porriño, Nelson Santos, “seguiremos traballando a diario, como até agora viñemos facendo, na posta en marcha de accións dirixidas ao fomento e xeración de emprego, así como á formación das persoas desempregadas para que poidan afrontar con maior competitividade unha futura inserción laboral. Todas elas estanse reflectindo xa nunha melloría paulatina e constante no noso mercado laboral.”











