O Porriño acolle o I Torneo Solidario de Fútbol Sala

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesO Porriño
A-
A+

O Polideportivo Municipal de Porriño acollerá o próximo sábado, 27 de novembro, o I Torneo Solidario de Futbol Sala Concello do Porriño, co obxectivo de conseguir a maior cantidade de alimentos para o programa municipal de alimentos SOS Porriño.

O alcalde de Porriño, Nelson Santos, e a concelleira de Benestar Social, Teresa Veloso, presentaron esta mañá este evento deportivo-solidario acompañados polo organizador do evento, José Roberto Ramírez, o presidente de SOS Porriño, Benito García, e o representante da Liga Metropolitana, Alfonso Álvarez.

O equipo de fútbol salga Concello de Porriño F.S. e a Liga Metropolitana, en colaboración co Concello de Porriño, organizan esta xornada deportiva na que participarán ao redor de 20 equipos cun único requisito para participar, doar 25 kg de alimentos para SOS Porriño.
“Este ano a solidariedade dos porriñeses vai bater records”, apuntaba o rexedor en referencia á gran resposta que están a ter os eventos solidarios celebrados no noso municipio, e quixo aplaudir “iniciativas como esta que permitirán que este ano as persoas máis necesitadas do noso municipio pasen estas datas tan sinaladas o mellor posible”.

O representante de Liga Metropolitana, Alfonso Álvarez, que colabora na organización xeral do torneo, quixo mostrar a súa disposición a participar neste tipo de eventos, “Dende Liga Metropolitana colaboraremos sempre o máximo posible con este tipo de xornadas solidarias”.

Pola súa banda, Jose Roberto Ramírez quixo invitar a todo o mundo a participar para que “iniciativas solidarias como esta poidan repetirse. E é que nela se unen dúas importantes apostas do Concello, o benestar social e o deporte, “neste caso a través das actividades deportivas en quipo conseguimos que os mozos tomen conciencia do necesario que é arrimar o ombro e axudar aos demais”, afirmou Veloso, “Estamos a vivir en Porriño un nadal especialmente chea de solidariedade e empatía”.

22 de decembro de 2014 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.