publicidade hoxe

O obradoiro de emprego “San Rosendo… segue o camiño” dará a coñecer os proxectos turístico-culturais das “Terras de Rosendo” en Culturgal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBandeCelanovaVerea
A-
A+

Os concellos de Celanova, Bande e Verea, estarán presentes na Feira da Cultura Galega (Culturgal), que se celebrará na cidade de Pontevedra os vindeiros días 5, 6 e 7 de decembro, a través do Obradoiro de Emprego “San Rosendo. Segue o camiño…”, centrado na empresa e ámbito económico para xestionar a iniciativa privada desde unha perspectiva turística. Con este obradoiro preténdese potenciar o turismo como motor de desenvolvemento económico das comarcas de Terra de Celanova e Baixa Limia.

No mesmo os tres concellos estarán identificados coa marca turística “Terras de Rosendo”, coa que o obradoiro de emprego propón identificar no campo do turismo ás dúas comarcas definidias no xeodestino “Terras de Celanova-Baixa Limia”.

Entre os contidos que serán trasladados a Pontevedra, destaca información sobre o Camiño de San Rosendo, que estes concellos teñen proposto incluír no mapa dos Camiños de Santiago como un ramal de interior do Camiño Portugués, así como información propia do Obradoiro de Emprego “San Rosendo… Segue o Camiño”, así como do seu antecesor, o Obradoiro de Emprego “Camiño de San Rosendo”, xa que ámbolos dous constitúen iniciativas novidosas en Galicia no campo da xestión do turismo cultural a través da actividade dos Obradoiros de Emprego que xestiona a Consellería de Traballo e Benestar.

Con esta iniciativa os concellos pretenden potenciar o rico e amplo patrimonio histórico-artístico, arqueolóxico, literario e natural das “Terras de Rosendo”, ademais, como queda dito, de divulgar a propia actividade do Obradoiro de Emprego..

Esta difusión dos recursos turísticos das “Terras de Rosendo” realizarase a través dun stand promocional con información plasmada en diferentes paneis informativos. Catro deles foron elaborados polos alumnos e alumnas do obradoiro: dous adicados á promoción do Camiño Natural de San Rosendo e os outros dous conteñen información sobre o propio obradoiro de emprego.

O camiño Natural de San Rosendo é unha vía que une Porto Quintela e Ourense, que foron algúns dos lugares máis representativos na vida de San Rosendo. Durante o seu percorrido podemos descubrir magníficos exemplos do patrimonio das “Terras de Rosendo”, como Santa Comba de Bande ou Mosteiro de San Salvador de Celanova.

Serán os propios alumnos e alumnas dos módulos de Xestión de Marketing e Comunicación e de Creación e Xestión de Viaxes Combinados e Eventos, os encargados da montaxe e da atención do stand durante as tres xornadas que durará Culturgal.

Dentro da programación de Culturgal, o técnico de Cultura do Concello de Celanova e coordinador do obradoiro de emprego, Antonio Piñeiro, dará unha charla informativa sobre o patrimonio cultural, artístico e natural das “Terras de Rosendo”.

3 de decembro de 2014 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.