O grupo de teatro Fontevella sóbese ao escenario de “A Forna” en Budiño
O Centro Cultural A Forna de Budiño acollerá mañá sábado, ás 20:00 horas, a representación de “Prohibido Casar”. O grupo de Teatro Fontevella porá en escena esta obra baseada na peza de Doro Piñeiro “Queda terminantemente prohibido o suicidio”.
Con esta representación, que conta coa colaboración do Concello do Porriño e da compañía local Atrezo Teatro, Teatro Fontevella móstranos o seu último traballo. Esta agrupación teatral, dirixida por Chelo Pampillón e formada por actores cuxas idades oscilan entre os 60 e 90 anos, conta cunha longa traxectoria desde que realizase a súa primeira representación no ano 1995, e a seriedade e ilusión que sempre acompañan ás súas obras converteulles xa nun referente no teatro afeccionado da nosa comarca.











