O Concello do Porriño promove entre os veciños a compostaxe doméstica
O Concello do Porriño, a través da concellaría de Medio Ambiente, que dirixe María José Martínez, ofrece aos veciños a posibilidade de optar gratuitamente, a un dos 25 composteros doados por Sogama.
O noso municipio sumouse no seu momento a esta campaña na que se distribuíron xa 35 composteros en vivendas unifamiliares, que a día de hoxe producen o seu propio abono natural orgánico para hortas, xardíns e terras de cultivo.
O prazo de inscrición xa está aberto, todos aqueles interesados en adquirir un destes composteiros poden anotarse de 9.00 a 15:00 horas, chamando ao teléfono 986 335 000, e a selección realizarase por orde de presentación das solicitudes, a condición de que se cumpran os requisitos esixidos. Como na anterior ocasión, impartirase unha charla aberta sobre reciclaxe e os vinte e cinco fogares participantes recibirán a información oportuna para o uso do compostero.
Aumentar o grao de eficacia na recollida selectiva e promover a cultura da reciclaxe é unha das apostas firmes da concellaría de Medio Ambiente. A través de diferentes campañas, e visitas guiadas á planta de xestión de residuos de Cerceda, o concello vén colaborando con Sogama co obxectivo de promover estes hábitos sustentables e a reutilización de produtos.
Unha parte importante deste labor realízase na comunidade educativa. A través de diferentes charlas e actividades nos centros escolares, perséguese inculcar aos máis pequenos hábitos de reciclaxe e explicarlles os beneficios da correcta xestión e reutilización de residuos.
Vantaxes da compostaxe doméstica
Dado que, na composición media do lixo producido nos fogares, a materia orgánica representa en torno ao 40 por cento do total, se se pecha o ciclo de reciclaxe da mesma nos propios fogares, evítase o seu depósito nos colectores verdes convencionais, permitindo que se poida reducir a frecuencia de recollida, así como o transporte dos residuos aos centros de xestión e tratamento, diminuíndo as emisións de CO2.
Así mesmo, mediante a técnica de autocompostaxe obtense un abono natural de alta calidade que substitúe aos fertilizantes artificiais, compostos na súa maior parte por sustancias químicas industriais que, en moitos casos, provocan un gran impacto ambiental. Ademais, evítase a compra de abono por parte dos usuarios, co consecuente aforro económico.
Ademais, está comprobado que a correcta clasificación da materia orgánica en orixe mellora o nivel de selección do resto dos materiais, incrementando con iso a calidade dos mesmos.











