O Concello do Porriño asina un convenio con Cogami en materia de transporte adaptado

Sinatura do convenio
O Concello do Porriño e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) asinaron esta mañá un novo convenio de colaboración para a cooperación e integración de persoas con dificultades de mobilidade, a través de recursos para a eliminación de barreiras na comunicación que repercutan en beneficio da calidade de vida deste colectivo na zona.
No acto de firma estiveron presentes o alcalde do Porriño, Nelson Santos, o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, a concelleira de Benestar Social do Concello do Porriño, Teresa Veloso, o presidente provincial de COGAMI, Anxo Holguera, e a coordinador da área de Vigo, Celso Álvarez
“O obxectivo deste acordo é o mantemento do servizo de transporte adaptado para os veciños do Porriño, usuarios dos centros de recursos de COGAMI, para que poidan ter máis independencia e, consecuentemente, melloren a súa inserción laboral e social.”, explicou o rexedor, “desde o Concello traballamos para que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades, paliando así a situación de exclusión social que sofren aínda hoxe as persoas con discapacidade”.
Así, o Concello destinará 6000 euros ao servizo de transporte adaptado que se estipula como prestación dirixida a aquelas persoas con graves dificultades de mobilidade para lograr a integración no medio a través da súa utilización en desprazamentos para realizar determinadas actividades. COGAMI conta cunhas 200 persoas demandantes dos seus servizos no noso municipio, ben traballando ou participando nos diversos talleres de formación actividades organizadas nos diferentes centros de recursos.
Pola súa banda, Anxo Queiruga, presidente de COGAMI, mostrou a súa satisfacción, pois “calquera colaboración que contribúa ao logro da autonomía das persoas con discapacidade sempre é boa e necesaria, sobre todo, no momento actual, delicado e complicado economicamente que nós tamén sufrimos”.
A concelleira de Benestar Social, Teresa Veloso, afirma que mediante a firma deste acordo búscase “facer efectiva a igualdade de oportunidades no acceso aos centros de recursos que ofrece COGAMI na actualidade, calquera medida que mellore a autonomía das persoas con problemas de mobilidade é necesaria”.











