O auditorio Manuel Dopazo da Bandeira celebra o seu décimo aniversario cun concerto de colaboración con Silleda Solidaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

Mañá sábado día 13 de decembro celebrarase o décimo aniversario do auditorio Manuel Dopazo con un recital no que participarán todas as agrupacións da localidade da Bandeira.

A cita comezará ás 20.00 horas coas actuacións de Fortín da Pomba, Xirandola, a Banda de Veteranos da Bandeira e a que realizarán de forma conxunta o Coro Vales Mahía e a Banda Recreativa e Cultural da Bandeira.

O recital estará conducido pola actriz e presentadora Uxía Blanco, coñecida pola súa participación en diferentes películas, logo do seu salto ao cine con “Sempre Xonxa”, series (na actualidade participa na exitosa Serramoura, da TVG) ou como condutora de programas de televisión (Dzine ou As viaxeiras da lúa).

O auditorio da Bandeira foi inaugurado en decembro de 2004 convertíndose nun novo punto de encontro a nivel social e cultural para os veciños da Bandeira e arredores. Anos despois, en 2009 e a través do Plan E, realizouse a segunda fase das obras, dotando ao edificio de aulas de ensaio e de outras dependencias para estas instalacións que albergan ademais a sección da Escola Municipal de Música na localidade.

A Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, as dúas agrupacións folclóricas e o coro teñen tamén aquí o seu lugar de ensaio.

Entrega de calendarios e cita solidaria

O concerto aniversario, de entrada libre, será ademais un dos eventos no que se colaborará, dentro da programación de Nadal con Silleda Solidaria. Así, as persoas que o desexen poderán colaborar con este programa municipal coa aportación de alimentos, xoguetes, produtos de hixiene ou con doazóns económicas.

Para conmemorar os dez anos destas instalacións o público que asista ao concerto será ademais agasallado con un calendario de 2015 no que figuran fotografías de todos os grupos de música, baile e canto que teñen no auditorio o seu lugar de ensaio.

12 de decembro de 2014 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.