O auditorio Manuel Dopazo da Bandeira celebra o sábado 13 o seu décimo aniversario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSilleda
A-
A+

O vindeiro sábado día 13 de decembro celebrarase o décimo aniversario do auditorio Manuel Dopazo con un recital no que participarán todas as agrupacións da localidade da Bandeira.

A cita comezará ás 20.00 horas coas actuacións de Fortín da Pomba, Xirandola, a Banda de Veteranos da Bandeira e a que realizarán de forma conxunta o Coro Vales Mahía e a Banda Recreativa e Cultural da Bandeira.

O auditorio da Bandeira foi inaugurado en decembro de 2004 convertíndose nun novo punto de encontro a nivel social e cultural para os veciños da Bandeira e arredores. Anos despois, en 2009 e a través do Plan E, realizouse a segunda fase das obras, dotando ao edificio de aulas de ensaio e de outras dependencias para estas instalacións que albergan ademais a sección da Escola Municipal de Música na localidade.

A Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, as dúas agrupacións folclóricas e o coro teñen tamén aquí o seu lugar de ensaio.

“O auditorio da Bandeira ten unha intensa actividade cultural como demostra a gran cantidade de agrupacións que seguen a ser embaixadores desta vila e do noso municipio”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

O concerto aniversario do sábado día 13, de entrada libre, será un dos moitos recitais que se veñen celebrando ao longo da última década nesta localidade, “onde a música e o baile tradicional forman xa parte da súa identidade”, engade Cuiña.

Entrega de calendarios

Para conmemorar os dez anos destas instalacións o público que asista ao concerto será ademais agasallado con un calendario de 2015 no que figuran fotografías de todos os grupos de música, baile e canto que teñen no auditorio o seu lugar de ensaio.

2 de decembro de 2014 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.