Joan Vinyes e Gorka Antxustegi tamén estarán no Fórmula Rallye 2014
A proba automobilística Fórmula Rallye 2014, a cal terá lugar o sábado 13 de decembro no recinto Feira Internacional de Galicia, acaba de confirmar a participación de dous importantes nomes desta disciplina, Joan Vinyes e Gorka Antxustegi, pilotos oficiais do equipo Repsol Suzuki.
O vasco Gorka Antxutegi, campión de España de Rallyes 2014 na División II e terceiro na clasificación absoluta do Campionato de España de Rallyes 2014, conta con outros destacados títulos, entre eles campión de España de Pilotos de Rallyes de Asfalto en 2013 e da copa Suzuki Swift en 2008 e terceiro no Campionato de España de Rallyes en dúas rodas motrices en 2010.
Pola súa banda, o andorrano Joan Vinyes, quizás o piloto máis espectacular do Campionato de España na actualidade, que foi terceiro no Campionato de España de Rallyes 2014 División II e sexto na clasificación absoluta desta competición, ten pilotado en montaña, turismo e rallye. Na súa traxectoria conseguiu, entre outros títulos, os de campión de España de Rally de Terra en dúas rodas motrices en 2001 e o de Rallyes de Andorra en 1999, e tamén os de subcampión de España de Rallyes de Asfalto en 2013, de Terra en 2007 e de España de Rallyes en 2004.
Ambos pilotos competirán en distintas mangas a bordo do seu espectacular Suzuki Swift S1600, co que actualmente participan no nacional de rallyes. Ademais, realizarán algunha outra manga a bordo dun Mitsubishi Lancer EVO X
Esta presenza dos máximos estandartes do equipo Suzuki Repsol reforzará o nivel de pilotaxe e espectacularidade no Fórmula Rallye 2014.
Segundo se van confirmando novos pilotos son máis os inscritos que formarán parte do Gran Premio FIG, que ademais de repartir 2.000 euros en premios ofrece a oportunidade de disputar o Fórmula Rallye 2014 xunto a grandes pilotos como Panizzi, Delecour, Amador Vidal, Iván Ares, Alberto Otero e compañía.
Pilotos e público
Os pilotos interesados en participar no Fórmula Rallye 2014 poden inscribirse a través da web do evento, www.formularallye.com. Pola súa banda, os afeccionados que queira acudir poden comprar as entradas na taquilla o mesmo día da proba cun prezo de 15€ ou de forma anticipada na web de Abanca (entradas.abanca.com) e en 23 puntos de venta físicos de Galicia, Asturias e León detallados na páxina do Fórmula Rallye, cun prezo de 12€.











