Francisco Álvarez presenta no Porriño o seu libro “Un neno na emigración”
O vindeiro martes 9 de decembro, ás 19:30 horas, o auditorio do Centro Cultural Municipal do Porriño acolle a presentación do último libro do escritor guardés Francisco Álvarez, máis coñecido por Koki, “Un neno na emigración”.
Acompañando ao autor durante o acto de presentación estarán o alcalde do Porriño, Nelson Santos, o Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.
Francisco Álvarez conta cunha importante traxectoria, na que destaca a súa obra “Ratas en Manhattan”. Koki tamén é autor dunha ampla obra poética en castelán e galego con títulos como “Lexanías”, “Maruxía”ou “Máis aló de Fisterre”.
Con “Un neno na emigración”chega a súa primeira incursión no ámbito da literatura infantil. Publicado por Edicións do Cumio e coas ilustracións de Marta Iglesias, esta novela mergúllanos en valores como a multiculturalidade ou o poder da lingua propia a través do seu protagonista Breogán, un neno galego que emigra a Nova York.











