Festa solidaria dos bombeiros do Porriño para “Un soriso por Nadal”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

Os membros que forman o persoal do Parque de Bombeiros do Porriño, pertencente ao Consorcio Provincial de Pontevedra, ademais do servizo diario que prestan á sociedade, organizaron unha xornada de portas abertas de carácter solidario. Aínda que esta é a primeira edición na que participan, esperan dar continuidade a esta festa colaborando con outras causas afíns a esta.

O vindeiro domingo, día 14 de decembro, as instalacións do parque situadas no Polígono das Gándaras acollerán unha festa dirixida aos nenos acompañados dos seus titores, que comprenderá unha gran cantidade de actividades nas que poderán participar; para iso só hai que traer algo de comida non perecedoira –como aceite, pasta, legumes, conservas, azucre, leite, cacao, galletas…-, produtos para nenos –cueiros, potitos, leite en po…- e tamén se recollen xoguetes -novos ou usados en bo estado- para que ningún neno quede sen agasallo este Nadal. Os destinatarios serán os usuarios de SOS Tomiño, que debido á crise actual, tiveron que recorrer ás axudas sociais para saír adiante. 

Ademais, neste día solidario contarán cun punto de recollida de tapóns de plástico, para o Banco de Tapóns do Baixo Miño (Banta), unha asociación que a través da reciclaxe recada fondos para servir de axuda a nenos con necesidades especiais nun momento determinado da súa vida.

Este é o primeiro ano que os bombeiros do parque do Porriño realizan esta festa solidaria, en canto xurdiulles esta proposta non dubidaron

A festa comezará ás 11.00 h e até as 14.15 h en horario de mañá e de 16.00 h até as 19.00 h pola tarde, cuxas actividades serán:

–    De 11.00 a 11.45 h.- Taller de Christmas solidarios

–    De 11.50 a 12.30 h.- Contacontos

–    De 12.35 a 12.55 h.- Exhibición de práctica de altura

–    De 13.00 a 13.20 h.- Exhibición dunha excarceración

–    De 13.25 a 14.15 h.- SOS Gymkana

–    De 16.00 a 16.40 h.- Taller de Christmas solidarios

–    De 16.45 a 17.20 h.- Maxia

–    De 17.30 a 17.50 h.- Exhibición de práctica de altura

–    De 17.50 a 18.10 h.- Exhibición dunha excarceración

–    De 18.15 a 19.00 h.- SOS Gymkana

Desde o Parque de Bombeiros do Porriño convidan a todos a acudir a esta festa solidaria chea de sorpresas, entre as que contaremos coa presenza dun humorista durante a mañá que arrincará os sorrisos dos máis pequenos e un fotocall no que poderás facerche unha fotografía como recordo deste día tan especial, no que todos podemos ser partícipes achegando o noso granito de area.

11 de decembro de 2014 | 11:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.