Cultura e Educación festexa o Nadal en galego en catorce concellos da Rede de Dinamización Lingüística
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa unha ampla oferta de actividades programadas no marco na campaña Nadal en Rede 2014, que promove a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia durante o período de Nadal. As propostas musicais A cantar con María Fumaça e Cantigas da estrela, a peza cómica Feliciano e a representación teatral de Espantallo amigo fornecerán de lecer en galego a programación propia dos concellos de Barbadás, Oleiros, Ferrol, Santiago de Compostela, Miño, O Carballiño, Betanzos, Neda, O Barco de Valdeorras, Arteixo, Ribeira, Fisterra, Xinzo de Limia e Laxe ata o domingo. A maiores das actividades de dinamización lingüística, que están a despregarse en máis de 60 localidades ata o 7 de xaneiro, Nadal en Rede 2014 inclúe unha manchea de recursos dixitais pensados para estas festas e descargables, de balde, desde o web www.lingua.gal.
Uxía convida á xente miúda a festexar o Nadal cantando
A coñecida Uxía convida as familias e á súa xente miúda a subir no tren da música para festexar o Nadal cantando e bailando en galego. Nun concerto exclusivo de Nadal en Rede está a percorrer 14 localidades galegas acompañada de Santi Cribeiro e de Sérgio Tannus, da súa famosa María Fumaça e dun amplo e divertido repertorio no que combina as pezas do Xiqui xoque, fiú fiú con panxoliñas e con outras músicas tradicionais propias deste tempo.
Logo da súa estrea en Fene e de pasar por Ordes, Burela, Vilaboa e Lalín chegará esta mesma tarde a Oleiros, cun concerto no auditorio da Fábrica, ás 19:00 horas. O sábado 27 poderase gozar no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, ás 20:00 horas, e o domingo 28 despedirá a semana en Ribeira e na Estrada, con outros dous concertos no Auditorio Municipal, ás 12:30 horas, e no Teatro Principal, ás 18:00 horas, respectivamente.
A xira de Nadal de María Fumaça pola RDL continuará a semana que vén en Melide, Ames, Bueu e Verín. Como todas as actividades programadas no marco da RDL, a entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade das salas.
Magín Blanco anima á cativada a seguir o ronsel da música en galego
Magín Blanco anima á cativada a seguir o ronsel das estrelas e da música en galego para gozar do Nadal cos temas máis coñecidos de Gatuxo e da A nena e o grilo, nun concerto moi especial que integra vilancicos inéditos do músico e compositor. Acompáñano María Faltri e Jorge Juncal nunha xira que xa está a percorrer 19 localidades da RDL coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña en concellos da súa competencial territorial.
Unha cita imprescindible para celebrar este Nadal cantando en galego que, logo do seu paso por Cee, Palas de Rei, Cangas, Muxía e Redondela, chegará esta tarde a Ferrol cun concerto na Capela do Centro Cultural Torrente Ballester, ás 18:30 horas. Mañá darase cita matutina no concello ourensán do Carballiño, no Auditorio Municipal, ás 12:00 horas e o venres farao en Betanzos, con outro concerto no Cine Alfonseti, ás 17:30 horas. Durante a fin de semana chegará, o sábado ao Auditorio Municial de Arteixo, ás 12:00 horas, e o domingo á Sala Mozart do Auditorio de Galicia, ás 12:30 horas.
A derradeira semana do ano levará as Cantigas da estrela a Val do Dubra, Ponteceso, Pontedeume, Viveiro, Carnota, Teo, O Porriño, Ourense e A Pobra do Caramiñal. Coma sempre, con entrada libre e ata completar a capacidade das salas.
Os 7 magníficos + 1, benvida ao Aninovo con humor
Os 7 magníficos + 1 (os televisivos Fran Rei e Pedro Brandariz) xa están a agasallar a RDL cunha boa dose de risas e de alegría para que despidamos o ano 2014 e lle deamos a benvida ao 2015. Porque o Nadal non é só cousa de nenos, esta proposta para público de todas as idades percorre Galicia cunha serie de pequenas pezas humorísticas que nos farán contemplar as festas de Nadal cunha mirada desenfadada. A Deputación Provincial da Coruña, membro da RDL, colabora nesta actividade exclusiva levándoa a concellos do seu ámbito territorial.
Tras a súa estrea mundial en Carral e o seu paso por Carballedo, Trazo, Zas, Cuntis e Barbadás, hoxe poderase gozar do espectáculo en Miño (no Centro Social da Rúa ás 20:00 horas), o venres 26 en Neda (na Casa da Cultura, ás 20:30 horas), o sábado en Fisterra (no Salón de Actos do Concello, ás 20:00 horas) e o domingo 28 en Laxe (no Salón de Actos do Concello, ás 19:00 horas).
Na derradeira semana do ano Feliciano proseguirá ata Reise a súa xira con paradas en Negreira, Cabana de Bergantiños, Santa Comba, Castro de Rei, O Saviñao, Xinzo de Limia, A Bola e Ponteceso (sede da Fundación Eduardo Pondal).
Os Quinquilláns traen ‘Espantallo amigo’
Nadal en Rede ofrece en sete concellos da RDL unha nova adaptación teatral do Espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas, que chega da man dos Quinquilláns nunha revisión na que Lucho Penabade e Tero Rodríguez continúan a historia orixinal contada polos adultos que lle deron vida á trama orixinal da novela neiraviliana. Nunha proposta escénica deseñada por Xosé Vizoso, a actividade ofrécelle como complemento aos espectadores unha reedición especial ilustrada por Xaquín Marín (Editorial Galaxia). A proposta teatral, dirixida a público xeral a partir dos sete anos, chega hoxe a Santiago de Compostela logo da súa exitosa estrea no Liceo de Ourense e fará parada o sábado 27 en Ribeira (no Auditorio Municipal, ás 19:00 horas) e o domingo 28 en Xinzo de Limia (no Auditorio Ángel Cocho Ferrero, ás 18:00 horas). Ferrol, A Estrada e A Coruña acollerán as tres funcións que completan a xira ata xaneiro.
Recursos tamén na rede
Ademais destas actividades de dinamización lingüística, Nadal en Rede inclúe unha ampla oferta de recursos dixitais aos que se pode acceder para a súa descarga gratuíta desde calquera punto de Galicia.
A xente miúda ten á súa disposición un modelo de carta para enviarlle aos Reis Magos en www.xunta.es/linguagalega/carta_maxestades, mentres que os máis vellos, terán a oportunidade de felicitar as festas aos seus amigos e familiares a través das postais electrónicas dispoñibles en www.xunta.es/linguagalega/postais_en_galego. Para que a mocidade elixa en galego os galanos para pedir ou para agasallar nestas festas, xa está no web www.lingua.gal a nova guía de agasallos Un Nadal mozo e en galego, editada conxuntamente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
Por último, e para facilitarlle o traballo nas cabalgatas ás Súas Maxestades, todos os concellos da RDL terán cadanseu exemplar de O libro dos Reis Magos e quen estea interesado/a nel pódeo descargar en www.xunta.es/linguagalega/libro_reis_magos. Toda a información sobre o programa en http://www.xunta.es/linguagalega/nadal_en_rede.