Continúan os recoñecementos a Ramón de Valenzuela coa proxección dun documental sobre o autor
Ramón de Valenzuela volverá recibir un novo recoñecemento esta mesma semana. A cita será no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira onde se proxectará o documental Ramón de Valenzuela, as olladas da esperanza, realizado por Xan Leira sobre o escritor, mestre e político nado en Manduas.
O acto, organizado dende a Secretaría Xeral de Cultura e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, comezará ás 19.30 horas co descumbremento da placa na biblioteca do Centro Cultural Vista Alegre, que levará o nome de Ramón de Valenzuela. A continuación intervirán o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o vicepresidente da Xunta e conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña e a presidenta da Asociación Cultural Vista Alegre, Dolores Sangiao.
A continuación proxectarase o traballo audiovisual de Xan Leira sobre o autor, do que se está a conmemorar neste 2014 o centenario do seu nacemento. Como remate, esta prevista a celebración dunha mesa redonda sobre Valenzuela, na que intervirán o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e os escritores Xosé Neira Vilas e Modesto Hermida García, e que estará moderada polo autor do documental.
Co nomeamento da biblioteca e a estrea deste documental continúase a recoñecer e a recuperar a figura de Ramón de Valenzuela Otero, unha das principais voces galegas no exilio e activista do galleguismo na comarca do Deza.
Valenzuela é ademais o autor da primeira novela galega sobre a Guera Civil, Non agardei por ninguén, publicada en Bos Aires en 1957, entre outras obras.
Este acto súmase a outras celebracións organizadas con motivo do centenario de Valenzuela, para o que se vén reclamando a adicatoria do Día das Letras Galegas.











