Comeza na Biblioteca Pública Daniel Castelao a campaña “Mentres espero, leo”
O programa de Nadal do Concello de Silleda continúa hoxe co inicio da campaña “Mentres espero, leo”, posta en marcha dende a biblioteca pública municipal Daniel Castelao. Ao igual que en anos anteriores, os usuarios dos dous centros médicos do municipio, de Silleda e da Bandeira, terán a súa diposición na sala de espera diversos títulos literarios para amenizar a agarda ás consultas.
Esta iniciativa leva xa varios anos realizándose con éxito, co obxectivo de promocionar a lectura entre a poboación.
Así mesmo, tamén dende hoxe o centro mostra a súa árbore de Nadal, decorada este ano con recreacións das flores e plantas autóctonas da comarca. A camelia, a flor de xesta, o sabugueiro…. Son algunhas das especies que figuran colgadas na árbore da biblioteca silledense.
E tamén hoxe luns celebrarase no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira un obradoiro de arte floral (20.00 horas).
Exposición de Silledagasalla
Por outra banda este mércores día 17 abrirase na Casa da Xuventude a mostra cos debuxos e lemas presentados ao certame Silledagasalla. A iniciativa, que se celebra este ano por primeira vez contou con unha alta participación dos alumnos e alumnas de Silleda, con máis de 400 lemas presentados (dos que 30 convertiranse en pegatinas para os regalos de Nadal nos comercios asociados de ECOS) e máis de 200 debuxos.











