As orquestras e artistas invitados do Closing Tour fotografaranse cos seus fans no photocall do festival

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O festival Closing Tour 2014 reunirá o domingo 7 de decembro (véspera de festivo) na Feira Internacional de Galicia ás orquestras El Combo Dominicano, París de Noia e Charleston Big Band, e tamén ao dj David Expósito, ao cantante galego Leronz e á xoven promesa musical gaditana Borja Rubio.

O Closing Tour será unha cita obrigada para todos os afeccionados a este tipo de música e tamén para os fans das agrupacións e artistas participantes. Por elo, este festival non soamente ofrecerá aos asistentes a posibilidade de desfrutar de máis de 9 horas seguidas de música, senón tamén a de facerse fotos no photocall do evento con algúns dos compoñentes das orquestras e con dous dos artistas invitados.

Estas sesións terán lugar nalgún dos momentos de descanso de cada unha das formacións musicais. O horario, do que se informará de forma definitiva no propio evento por si houbera cambios, está previsto que sexa o seguinte: de 1.00h a 1.30 horas será a quenda de Charleston Big Band e o cantante Leronz, de 1.30h a 2.00 horas acudirán ao photocall varios membros de París de Noia, de 2.00h a 2.30 horas o público poderá fotografarse con Borja Rubio e de 4.45h a 5.15horas estarán algúns dos compoñentes de El Combo Dominicano.

A esta novidade do Closing Tour unirase outra. Por primeira vez o festival contará con actividades lúdicas paralelas. Así, o Centro Multiaventura do recinto, o cal estará situado no pavillón contiguo, acollerá karting, tirolinas, toro mecánico ou rocódromo.

Entradas anticipadas e en taquilla

As entradas para asistir ao Closing Tour 2014 pódense adquirir o mesmo día do festival en taquilla cun prezo de 7€. Tamén de forma anticipada, cun prezo de 5€ nos 19 puntos de venta físicos situados en Silleda, Bandeira, Lamela, Merza, Lalín, Forcarei, Sigüeiro, Teo, Vila de Cruces e A Estrada; e de 5€ máis gastos de xestión a través da web de Abanca (entradas.abanca.com).

Os nenos menores de 12 anos poderán entrar de forma gratuíta (acompañados dun adulto), sendo libre o acceso ao aparcadoiro do recinto.

4 de decembro de 2014 | 11:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.