Apertura do prazo para inscribirse na charla para pais e nais “Traballando as normas e límites”
A concellaría de Benestar Social, que dirixe Teresa Veloso, a través do Servizo municipal de prevención de drogodependencias, organiza o vindeiro venres 12 de decembro, ás 18:30 horas, unha charla gratuíta dirixida a pais e nais que abordará o tema das normas e os límites no ámbito familiar e a función educativa que estes teñen.
Esta actividade, que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Proxecto Creative, dotará aos participantes das ferramentas necesarias para o establecemento de normas dentro da familia, o cal posibilita a convivencia, e profundará na importancia de transmitir valores e establecer límites no ámbito familiar.
A falta de límites claros ou inconsistentes durante o proceso educativo e a falta de conciencia sobre as consecuencias dos seus comportamentos, é un factor de risco para o futuro consumo de drogas, polo que, desde o departamento de Prevención de Drogodependencias, ofrécese a posibilidade de abordar estes temas desde un punto de vista práctico e gratuíto a todos os veciños.
A charla desenvolverase no Centro Cívico de Porriño (Edificio da Escola de Música Municipal). Todos aqueles interesados en participar poden inscribirse a través do teléfono 986 33 08 61.











