publicidade hoxe

A Xunta aproba o documento completo do PXOM de Oleiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOleiros
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asinou hoxe a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello coruñés de Oleiros, que acada así a ordenación total do seu territorio.

O concello de Oleiros conta desde 2009 cun documento de planeamento aprobado parcialmente no mes de marzo, que necesitaba cambios na ordenación de determinados ámbitos para poder acadar a aprobación definitiva do 100% do seu territorio. Con este obxectivo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, mantivo desde entón unha liña de traballo continua para colaborar co Concello, celebrando un total de cinco reunións técnicas.

O documento asinado hoxe completa a ordenación das zonas que estaban afectadas pola pegada sonora do aeroporto de Alvedro. Así, o PXOM incorpora as áreas que estaban en suspenso debido ao informe desfavorable de Aviación Civil e que agora reducen considerablemente a súa afección, ao validar o TSXG a proposta de afección do Concello.

Deste xeito, a pegada sonora foi reducida dunha superficie de 2,52 km2 a 0,25 km2, o que supón que a porcentaxe de afección á totalidade do termo municipal pasara do 5,82% ao 0,58%.

Así mesmo, este municipio coruñés tamén decidiu incorporar un refundido do PXOM vixente, co fin de actualizar o documento introducindo ás derradeiras modificacións puntuais aprobadas, como unha corrección dos erros materiais detectados desde a súa entrada en vigor á execución das sentenzas recaídas en relación ao PXOM.

En definitiva, o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Oleiros aprobado hoxe incorpora os seguintes elementos:

-Correccións como consecuencia do cumprimento da Orde do 11/03/2009 da CPTOPT: neste sentido, cabe destacar a afección da pegada sonora que pasou de 2,52 km2 a 0,25 km2, o que supuxo unha redución do 5,82 % da totalidade do termo municipal ao 0,58 %.

-Modificacións puntuais do PXOM aprobadas definitivamente dende a entrada en vigor.

-Correccións puntuais de erros materiais dende a aprobación do Plan Xeral.

-Cambios consecuencia da execución de sentenzas en recursos contencioso administrativos interpostos en relación coa aprobación do Plan Xeral.

SOLO
SUPERFICIE
%
TOTAL CONCELLO

43,20 km2

100,00 %

SOLO RÚSTICO

24,36 km2

56,44 %

PROTEXIDO
22,66 km2
53.37 %
ORDINARIO
1,7 km2
3,07 %
SOLO URBANIZABLE

4,9 km2

11,3 %

DELIMITADO
2,5 km2
5,7 %
NO DELIMITADO
2,4 km²
5,6 %
SOLO URBANO

13,94 km2

32,26 %

CONSOLIDADO
13,24 km2
30,6 %
NON CONSOLIDADO
0,7 km2
1,66 %
O PXOM regula os 43,2 km2 de superficie deste municipio e outorga seguridade xurídica para o correcto desenvolvemento urbanístico futuro de Oleiros. Desta superficie total, destaca que máis da metade (53%) está clasificado como solo rústico protexido e un 31% é solo urbanizable consolidado (13,2 km2). O PXOM estable ademais 4,9 km2 de solo urbanizable.

Polo que respecta aos espazos libres e zonas verdes destaca que o PXOM de Oleiros contempla 1,2 millóns de metros cadrados, máis do dobre do esixido por lei.

A Xunta de Galicia concedeu máis de 189.000 euros en axudas para a redacción deste documento.

Esta orde de aprobación definitiva será publicada nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia (DOG) e entrará en vigor 20 días despois da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.

79 concellos adaptados á normativa vixente

Dos 314 concellos galegos actualmente hai 254 que dispoñen de planeamento xeral. Destes, 79 están adaptados á normativa actual e 177 teñen a súa adaptación en curso. Desde 2009 este Goberno firmou 45 ordes de aprobación definitiva.

O PXOM é o documento máis importante para un municipio e Xunta de Galicia está a axilizar a tramitación dos planeamentos dos concellos galegos co obxectivo de que todos os concellos galegos conten con planeamento.

A nova Lei do Solo que se está a tramitar suporá un gran impulso nese obxectivo de dotar a todos os concellos de planeamento, ao simplificar a tramitación administrativa ou integrar a figura do plan básico, para os concellos de menos de 5.000 habitantes.

12 de decembro de 2014 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.