publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra inviste 380.000 euros en diferentes actuacións nos concellos de Deza e Tabeirós-Terra de Montes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaAgoladaCerdedoLalínPontevedraRodeiroSilleda
A-
A+

A Deputación de Pontevedra destina 380.000 euros a novas actuacións de mellora en infraestruturas municipais de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, que os concellos destas comarcas están a  executar con subvencións por un importe total próximo ós 400.000 euros e integrados no Plan de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais.

Entre estas actuacións inclúese a mellora de diversas escolas rurais no concello da Estrada, para as cales a Administración provincial destina 120.000 euros. Así, unha subvención de 150.158,61 euros permitirá a mellora dos peches perimetrais das escolas de Cora, Couso e Lagartóns e o lavado e pintado da fachada da Escola de San Xiao de Vea, onde tamén se renovarán as canles de recollida e baixantes da cuberta.

Outros 32.987,27 euros servirán para financiar os traballos de acondicionamento e mellora da accesibilidade da escola de Montillón. As actuacións complétanse coa construción dun muro de contención na parcela da escola de Ribeira, que conta cun orzamento de 36.296,90 euros e coas que se busca mellorar a seguridade neste espazo.

Melloras viarias

A estas actuacións súmanse as melloras viarias que se realizan en Rodeiro, Silleda, Cerdedo e Agolada.

En Rodeiro, a Deputación inviste 45.206,49 euros a actuacións de mantemento da rede viaria da zona norte do concello, que permitirá eliminar as fochancas e corrixir o notable deterioro que presenta o firme de diversos viais municipais.

Pola súa banda, o Concello de Silleda dispón de 26.565,86 euros para a renovación da capa de rodadura dun vial en Santa María de Cortegada, así como para a creación dunha senda peonil que facilite o tránsito dos veciños por esta zona e mellore a seguridade.

Cerdedo recibirá 70.000 euros para tres actuacións orientadas a mellorar a rede viaria e o mantemento do patrimonio etnográfico do concello. Así, unha achega de 24.559,58 euros da Deputación vai permitir a mellora de lavadoiros e fontes municipais, para a súa recuperación e para facilitar o seu uso por parte dos veciños. Actuarase concretamente na Fonte de Cobas (Folgoso) e nos lavadoiros de Framil e Peniñas, na parroquia de Parada; e Cachofes, en Folgoso. Realizaranse traballos de limpeza xeral, mellora das cubertas e restauración en pedra natural.

Outros 26.246,17 euros destinaranse á ampliación do vial de acceso ó núcleo de Figueroa, xa que conta cunha curva de 90º cun radio de xiro moi pechado que, unido ó estreito do vial, dificulta enormemente as manobras. Por iso, demolerase e trasladarase o muro de contención existente para anchear o acceso e pavimentalo.

Finalmente, a Deputación concedeu tamén unha subvención de 24.559,58 euros para tres actuacións orientadas a mellorar a seguridade viaria. A primeira das actuacións consistirá na colocación dunha barreira-bionda para evitar saídas de vía nun treito de 300 metros da estrada Cerdedo-Limeres; outra actuación suporá a colocación de bandas redutoras de velocidade no contorno da piscina fluvial, e a terceira actuación refírese ó pintado de pasos de peóns en San Xoan de Cerdedo.

Agolada e Lalín

Tamén en Agolada se subvencionará a mellora da seguridade viaria con actuacións de saneamento e formigonado de cunetas nos núcleos de Agolada, Buxán e Couso, que contan cun orzamento de 22.096,39 euros.

Ademais, neste concello investiranse 23.400 euros na instalación de dous parques infantís (un no colexio público da localidade e outro na estrada que une Agolada con Borraxeiros) e outros 30.000 euros en obras de albanelería no edificio de usos múltiples.

Finalmente, Lalín percibirá 33.317, 10 euros para o acondicionamento da antiga biblioteca municipal.

1 de decembro de 2014 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.