A Deputación da Coruña colabora coa creación dun viveiro de empresas no antigo matadoiro de Riveira
A Deputación da Coruña aprobou no Pleno de hoxe un convenio co Concello de Riveira a través do cal o ente provincial colaborará na creación dun viveiro de empresas. Será no antigo matadoiro municipal, polo que será necesario realizar unha reforma integral do edificio. Así, a Deputación achegará 77.000 euros ao Concello para sufragar o 20% do custo total da obra, que ascende a 385.000 euros.
O proxecto consiste nunha ampliación do inmoble nos extremos norte e sur para alcanzar unha superficie total de 421 metros cadrados, que se distribuirán en sala de reunións, arquivo, recepción-control, aseos, dez despachos e un espazo de usos múltiples. As obras inclúen o illamento total das soleiras e a cuberta.
O obxectivo é dotar aos emprendedores e autónomos dun espazo para as súas empresas nos seus primeiros pasos no mercado. Ademais, acompañaráselles e axudaráselles neste proceso con servizos adaptados ás necesidades de cada iniciativa empresarial, co obxectivo de que xerminen negocios de interese para o concello e a comarca.
O edificio será un espazo capaz de fomentar as relacións e xerar sinerxías e, por iso, daráselle unha especial importancia aos espazo central como unha área de relación, comunicación e visualización do traballo dos usuarios do centro.
Plan de Travesías
Ademais, o Pleno provincial tamén aprobou un investimento de 464.877,78 euros para reformar a estrada EP 7306 en Riveira. O proxecto inclúese na terceira fase do Plan de travesías 2014 e pretende mellorar tanto a seguridade viaria coma os servizos desta estrada dende o punto quilométrico cero ata o cruce coa rúa Carreiro.
Este tramo está situado na zona urbana da parroquia de Aguiño, onde se implantará un sentido único de circulación cun carril de catro metros de ancho e habilitarase unha zona de estacionamento en liña.
Para os peóns executaranse a cada marxe e ao longo de toda a estrada beirarrúas con distintos anchos con lousas de formigón de cores e incluiranse varios pasos de peóns elevados.
Por outra banda, as obras inclúen dúas liñas de pluviais baixo cada beirarrúa, así como as acometidas de pluviais para as vivendas existentes. No que se refire á instalación eléctrica, a intención é a súa canalización, polo que desaparecerán a maioría de postes da luz actuais.
Con esta actuación mellorarase a seguridade viaria na zona, que, unida ao novo viveiro de empresas, suma un investimento da Deputación no Concello de Riveira de preto de 550.000 euros.











