Cuquín inaugura o “Fin de ano Farrapeiro” do Porriño ante un público entregado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Chegada de Cuquín

Chegada de Cuquín como Raffaella Carrá

Arredor das 12:00 horas e ante o numeroso público que alí se deu cita, chegaba á praza Arquitecto Antonio Palacios o emblemático pregoeiro do “Fin de ano Farrapeiro”. Precedido pola Banda de Cornetas Ría de Vigo, Cuquín, na súa particular versión de Raffaella Carrá, facía a súa triunfal entrada na praza entre berros de “guapa, guapa! ” e a ritmo de coñecidos éxitos da italiana, para dar o pistoletazo de saída da nosa peculiar despedida de ano.

Dende o balcón da Casa Consistorial, Cuquín desexou a todos os veciños do Porriño un feliz ano novo, recordándolles o afortunados que son por poder celebrar varias veces a Noitevella. Aínda que lle custou arrancar, xa que comezou o seu discurso en italiano, pronto reconduciu a situación e recordou, ante unha entregada concorrencia, entrañables momentos do nadal porriñés.

A festa continuou cun Flashmob que interpretaron os máis pequenos ataviados para a ocasión, acompañados polo equipo do curso de animación sociocultural do Obradoiro de Emprego “Porremprego II”. Seguiuno animación de rúa e coreografías espontáneas tras a inauguración das “Rúas Farrapeiras”, onde o mestre de cerimonias foi descubrindo as placas das renomeadas rúas da nosa localidade.

Isto só foi o comezo dunha longa despedida repleta de actividades para todos os públicos, onde O Porriño se viste de festa para dicir adeus ao ano que remata entre amigos.

30 de decembro de 2014 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.