Unhas 70 persoas aspiran a participar no programa formativo para desempregados en Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Unhas setenta persoas acudiron esta mañá ao Auditorio Municipal de Riveira con motivo da inminente celebración dun programa especializado de formación dirixido á reorientación laboral ao ámbito comercial das persoas participantes.

Esta actividade está promovida pola consultoría Bidef coa colaboración do Concello e consistirá no desenvolvemento dunha primeira parte de formación teórica (28 horas) e unha segunda caracterizada pola realización de prácticas en empresas (2 meses prorrogables noutros 2 máis).

O representante da entidade, Julio Pose, explicou aos aspirantes os rasgos desta iniciativa nun acto que contou coa presenza do tenente de alcalde Juan Luis Martínez (quen enfatizou a aposta do Concello por promover en Riveira a inserción laboral) e da edil Elvira Pisos.

Selección

Pose manifestou que todos os candidatos apuntados reúnen unha alta cualificación (teñen titulación académica superior) e que o obxectivo é integrar laboralmente a aqueles que participen no programa. Agora os 70 aspirantes deberán superar un proceso do selección do cal sairán as persoas definitivamente participantes na acción.

Julio Pose asegurou que un 70% dos participantes nestes programas impulsados por Bidef logra a inserción laboral na empresa en que fai as prácticas. Estas serán desenvolvidas en empresas da contorna económica, entendendo por tales as comarcas de Barbanza e Santiago. A consultoría vén de concluír unha iniciativa similar na mancomunidade do Sanlés.

A formación teórica comezará o martes da semana que vén no Centro Cultural Lustres Rivas de Riveira.

13 de novembro de 2014 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.