SOS Porriño recibe unha achega de 4.000 euros da obra social “La Caixa”

Entrega da achega de 4.00 euros de obra social La Caixa
O director de área de CaixaBank en Vigo Sur, Gonzalo Talegón, e o director da oficina de “LLa Caixa” no Porriño, Igor de las Heras, fixeron entrega esta mañá unha achega de catro mil euros da Obra Social “La Caixa” aos voluntarios de SOS Porriño, que acompañados polo alcalde do Porriño, Nelson Santos, e a concelleira de Benestar Social, Teresa Veloso, agradeceron o xesto solidario aos representantes desta entidade.
Esta axuda que recibe o Concello destinarase integramente á compra de alimentos para SOS Porriño, o programa local de recollida de alimentos impulsado pola concellaría de Benestar Social do Concello do Porriño para atender aos veciños que atravesan unha situación precaria.
O rexedor agradeceu a “La Caixa” esta colaboración “quero mostrar publicamente o meu agradecemento por esta doazón e valorar que esta iniciativa partiu directamente de La Caixa a fin de atender as necesidades dos veciños do Porriño que atravesan unha situación difícil, para as 300 familias que o necesitan hoxe é un día moi importante”.
Nelson Santos quixo tamén pór en valor e agradecer especialmente o labor que realiza o persoal de Servizos Sociais do Concello do Porriño, “Teño a sorte de poder dicir que no Concello hai dous grandes corpos dos que me sento especialmente orgulloso, o da Policía Local e o equipo de profesionais dos Servizos Sociais, este último formado por un equipo humano que desenvolve o seu labor diario con moito agarimo, dedicación e humildade”. O alcalde quixo facer mención tamén ao labor e dedicación dos voluntarios de SOS Porriño, grazas aos cales este programa social do Concello é unha realidade.
Pola súa banda, Talegón trasladou ao alcalde a satisfacción de todos os empregados da oficina do Porriño por poder colaborar nunha das iniciativas sociais máis importantes do municipio. “Somos unha entidade sensible ás demandas dos cidadáns”, engadiu, “o que nos empuxa a prestar o noso respaldo a aquelas iniciativas locais que atenden as necesidades das persoas da súa contorna”.
O compromiso de “La Caixa” coas necesidades da sociedade na que desenvolve a súa actividade financeira e co benestar das persoas, un dos seus trazos máis definitorios desde o seu nacemento en 1904, adquire unha dimensión maior, e máis diferencial que nunca nas actuais circunstancias. A pesar das dificultades, a entidade manterá o orzamento da súa Obra Social durante 2014 en 500 millóns de euros, a mesma cifra orzada nos 6 anos precedentes. “A resposta ás problemáticas sociais máis perentorias e a atención ás persoas máis vulnerables continúan sendo prioridades fundamentais”.
SOS Porriño: atendendo ás necesidades de máis de 300 familias con escasos recursos
Desde os Servizos Sociais do Concello do Porriño e SOS Porriño trabállase a diario para dar resposta ás demandas das familias máis necesitadas, levando a cabo diferentes iniciativas co obxectivo de colleitar alimentos. Desde a súa creación no ano 2011, SOS Porriño atende a familias do noso municipio usuarias dos Servizos Sociais. Os alimentos colleitados nas diferentes campañas, os achegados por Cruz Vermella e o FEGA (Fondo Español de Garantía Agraria) así como as achegas de particulares e empresas, destínanse a axudar ás máis de 300 familias usuarias do programa, que acoden periodicamente a recoller un lote de víveres que contén alimentos non perecedoiros. En función da tipoloxía da familia engádense outros alimentos, así, se hai nenos engádense outros produtos como galletas, leite en po ou potitos para bebés.
O leite, o arroz, o azucre, ou os alimentos para nenos son os máis demandados polos usuarios. Todos aqueles particulares ou empresas que desexen realizar unha doazón poden dirixirse directamente ás instalacións de SOS Porriño situadas no número 98 da rúa Domingo Bueno, no barrio da Pontenova.











