Presentan en Vigo un innovador sistema robotizado de asistencia en rehabilitación clínica
AIMEN Centro Tecnolóxico, situado no Porriño, participa no desenvolvemento do proxecto FISIOROB, un innovador sistema robotizado de asistencia en rehabilitación neuromotora clínica que se presentou hoxe no marco das Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (JAI’2014), que se celebran esta semana en Vigo.
FISIOROB propón unha nova solución baseada na combinación da robótica con contornas virtuais de rehabilitación, para o seu uso na recuperación da mobilidade das extremidades superiores de pacientes con necesidade de rehabilitación neuromotora. AIMEN colabora no desenvolvemento do sistema de control do brazo robotizado.
Este proxecto permitirá asistir aos pacientes en exercicios intensivos de rehabilitación, constituíndo novos escenarios interactivos de recuperación médica, que poden mellorar a motivación do paciente aumentando a eficacia do proceso global de rehabilitación.
Este sistema de rehabilitación proporcionará aos pacientes terapias a medida en función das súas necesidades e doenzas. Prevese que o robot poida abarcar todas as fases de recuperación do paciente, incluso podendo realizar parte da rehabilitación no seu propio domicilio, mediante un sistema de adquisición de sinais biomédicos, que permitirá calibrar a súa evolución e adaptar o seu tratamento. Ademais, idearase un programa de xestión de datos co que organizar a información obtida en cada sesión de rehabilitación para que o equipo médico poida realizar un adecuado seguimento da terapia e evolución.











