Os escolares do Porriño traballan na elaboración dun belén con material reciclado
O Concello do Porriño, a través da concellaría de Educación que dirixe Ana Martínez, organiza o Primeiro Nacemento de Nadal participativo entre colexios e gardarías municipais do Porriño.
Na realización deste Belén partiparán os cursos de 3º de Infantil até 6º de Primaria dos Centros Públicos e Concertados da nosa localidade, así como os alumnos do Centro de Educación Especial (ACEESCA), elaborando cada un a figura que se lle asignou, sempre usando material reciclado.
“O obxectivo desta actividade é promocionar a creatividade e expresión plástica entre a poboación escolar do Porriño e sensibilizar á infancia sobre os valores positivos que transmite o Nadal, sempre de carácter festivo e de ilusión”, explica a edil, Ana Martínez, “a través de actividades como esta conseguimos fomentar a participación activa dos nenos e nenas e establecer e consolidar actuacións de colaboración entre os Centros Escolares e as Gardarías Municipais coa programación de Nadal que organiza o Concello”.
O resultado deste traballo en equipo dos nosos pequenos estará exposto ao público na Praza Arquitecto Antonio Palacios, desde o 18 de decembro, ao 7 de xaneiro do próximo ano.











