Os alumnos do curso de “animación sociocultural” de Porremprego II visitan varios centros educativos e de maiores
O Obradoiro de Emprego Porremprego II, consta dun programa mixto de formación de emprego, público e gratuíto, promovido polo Concello do Porriño a través da concellaría de Emprego e Formación, que dirixe M. Alejandro Lorenzo e financiado pola Xunta de Galicia. O obxectivo principal deste é mellorar a ocupación das persoas desempregadas en actividades de utilidade pública ou interese social, dándolles a oportunidade de mellorar a súa situación laboral. Os dous cursos que se imparten actualmente son “Animación Sociocultural” e “Limpeza de Inmobles e Emprego Doméstico”; ambos, sectores con demanda de emprego.
Hoxe os alumnos do curso de “Animación Sociocultural” visitaron o C.E.I.P.de Atios ofrecendo durante tres horas, a uns 60 alumnos estudantes de 4º, 5º e 6º de primaria, unha serie de actividades de lecer que incluíron manualidades, dinámicas de grupo e xogos populares.
Este proxecto, innovador no Porriño, conta con 9 alumnos baixo a tutoría de Begoña Lesende Sieiro, que xa puxeron en práctica algunhas das técnicas adquiridas en actuacións dirixidas ao público, como na festa de Samaín, desenvolvida o pasado venres na praza Arquitecto Antonio Palacios –á que asistiron uns 150 nenos-; ou en centros educativos como o Ribeira do Louro ou o Antonio Palacios.
Mañá venres, 7 de novembro, desde as 10.30 h ata as 12.30 h, acompañarán aos usuarios do Centro de Día de Maiores de Torneiros practicando distintos tipos de manualidades que á vez estimulan a actividade motora; tamén realizarán dinámicas de grupo e para finalizar picarán castañas para un Magosto.
O vindeiro martes, 11 de novembro, volverán centrarse no público infantil, acudindo ás Escolas Unitarias de Mosende e Pontellas para desenvolver unha “Actividade Intergeneracional”, na que os alumnos de 3 a 5 anos poderán participar de manualidades e dinámicas de grupo xunto aos seus pais ou avós, gozando dun Magosto para finalizar.
A implicación dos alumnos neste curso demóstrase no agarimo que puxeron na elaboración do cartel, ademais crearon unha páxina de Facebook “Obradoiro Emprego PorrempregoII” na que van colgando todas as actividades que levan a cabo.











