O vindeiro mércores comezan no Porriño as xornadas micolóxicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

Esta mañá o Concello de Porriño acollía a presentación da segunda edición das Xornadas Micolóxicas, unha iniciativa posta en marcha pola concellaría de Medio Ambiente que dirixe María José Martínez e que contou coa presenza do alcalde, Nelson Santos, da concelleira antes mencionada e da bióloga especialista en Micoloxía do Grupo Micolóxico Galego “Luís Freire”, Puri Lorenzo.

Tras o éxito de participación da primeira edición, quedou patente o interese dos veciños polo mundo da micoloxía, por iso e pola súa especial importancia para a saúde e o coidado da contorna natural, “deuse continuidade a estas xornadas en plena tempada de colleita e que este ano conta cun día máis respecto ao anterior; ademais tamén se falará da recente entrada en vigor da normativa sobre a colleita de cogomelos”, apuntaba María José Martínez.

Deste xeito o mércores 13, ás 20:30 h no Centro Cultural Municipal, darán comezo coa charla informativa “Iniciación á Micoloxía”, que ofrecerá a profesora titular do Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo, Marisa Castro.

O xoves 13, no mesmo lugar de 20:30 a 22:00 h, o especialista e secretario da Federación Galega de Micoloxía, José Luís Tomei, teremos a oportunidade de descubrir as numerosas opcións de preparación e propiedades culinarias dos cogomelos nun relatorio titulado “Cociñar con cogomelos”.

O venres 14, ás 20:30 h, a bióloga Puri Lorenzo, ofrecerá un relatorio sobre “Boletus e xéneros afíns”, que tal como comentaba esta mesma mañá “Porriño é unha zona na que crecen un bo número de boletus, por iso centrámonos nesta especie, aínda que non podemos esquecernos de que este municipio é o único en Galicia que conta cunha especie autóctona, a Amanita porrinensis”, apuntaba a bióloga; esta é un cogomelo tóxico polo seu contido en amanitina, sustancia que lle dá o seu carácter venenoso e foi descuberta no ano 1980. Con esta charla ponse punto final ás sesións informativas no Centro Cultural Municipal.

A saída ao campo será o sábado 15, desde as 10:00 ata as 13:30 h, cunha posta en práctica sobre o terreo de recollida de exemplares baixo a tutoría de dous expertos e que está limitada a 50 participantes –previa inscrición no centro cultural-; hai que deixar claro que esta saída non ten como finalidade a colleita, senón de recoñecemento de especies que serán expostas o domingo 16 no Círculo Recreativo Cultural, en xornada partida de 10:00-14:00 h e de 17:00-20:00 h, onde Puri Lorenzo aclarará as dúbidas dos asistentes achega do mundo dos cogomelos.

O rexedor, Nelson Santos, aproveitou esta presentación para felicitar á concelleira de Medio Ambiente, “polo gran labor que realiza desde a súa concellaría, fomentando o coidado da natureza e a práctica de medidas protectoras da contorna, destacando o éxito e gran acollida da Feira Ecolóxica celebrada o pasado domingo”.

Ademais, os establecementos hostaleiros Pontenova, Chato, Fran, O Laranxo, Manolo, Val da Louriña, Simplicio, Paso a Nivel, Saspi e Adega de Montero, con motivo destas xornadas micolóxicas, incluirán na súa cociña cogomelos de tempada.

7 de novembro de 2014 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.