publicidade hoxe

O teatro protagoniza a programación cultural en Neda para novembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O teatro será o gran protagonista da programación cultural deseñada polo Concello de Neda para o mes de novembro. Así será coas compañías “Os 7 magníficos+1” (7 de novembro), “O Aturuxo de Melpómene” (15 de novembro), “Lusco e Fusco” (21 de novembro) e “Catrocadeiras” (28 de novembro). Todas as representacións celebraránse os venres, excepto a segunda semana, por coincidir coa presentación da nova edición da Revista de Neda (o 14 de novembro). Darán comezo ás 20,30 horas, con entradas a 2 euros e recomendadas para un público maior de 12 anos. As funcións forman parte do ciclo Tempo para o Teatro, que promove a Deputación provincial da Coruña. Deste xeito, a primeira cita terá lugar este venres da man de “Os 7 magníficos+1”, que trae a Neda “O gordo e o calvo van ao médico”.

Un espectáculo clown de creación propia dirixido por Iván Prado e protagonizado por Pedro Brandariz e Fran Rei. Trátase da séptima producción da compañía e nace a raíz do éxito dos personaxes protagonistas do seu espectáculo máis popular, “O Gordo e O Calvo”, con máis de 50 funcións por toda a Península dende a súa creación en 2003. Seguindo a liña do anterior, neste divertido espectáculo recupéranse e actualizan algunhas vellas farsas dos paiasos do circo, misturándose con situacións cómicas de creación propia. O humor máis clásico fusiónase coa creatividade e actitude de risco características desta compañía para compoñer unha obra cómica en torno ao mundo dos/as médicos/as. Tomará o relevo o sábado 15 “O Aturuxo de Melpómene” coa súa obra “A Ratoeira” de Agatha Christie.

Narra a historia da Casa Grande do Pozo dos Monxes, que abre as súas portas aos primeiros hóspedes, ao tempo que a radio informa da posibilidade de quedar illados pola neve. Esta chega e, con ela, un crime por resolver. “Lusco e Fusco” representarán o venres 21 “Encontros”, espectáculo gañador de “Valladolid Propone” (TAC Valladolid 2011). A compañía nace da unión de dous dos artistas máis carismáticos do panorama do novo circo e teatro físico galego: Alfredo Pérez Muíño: Circanelo, e Pablo Reboleiro Rama: Trasno. Ambos os dous posúen unha formación moi similar en circo, teatro físico e danza. “Encontros” é un espectáculo de circo contemporáneo que pretende desenvolver no espectador unha nova sensibilidade. Xogando co corpo como principal instrumento comunicador estes dous paiasos buscan unha nova identidade cómica, un código propio baseado na sutileza e limpeza escénica. Conseguen así que cada espectador teña unha vivencia única, unha mestura do que están vendo e do que cada un leva dentro. E, pechando o mes, “Catrocadeiras” e “O Feo”. Unha compañía de teatro de nova creación composta por xente formada na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e na Escola de Teatro de Mar Navarro e Andrés Hernández de Madrid.

“O Feo” é a súa primeira montaxe. Do autor alemán Marius Von Mayenburg. Conta a historia de Lette, un home que traballa duro como enxeñeiro e que goza dunha vida apacible e sen sobresaltos… ata que un día descobre unha terrible verdade: é espantosamente feo. Unha comedia divertida e mordaz, crítica coa nosa sociedade. Unha sociedade na que se confunde o “ser” co “parecer”.

3 de novembro de 2014 | 16:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.