O Porriño dá un paso máis na normalización da actividade das canteiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O Concello de Porriño, a través da concellaría de Patrimonio e Canteiras que dirixe Carlos Martínez, iniciou o expediente de contratación para a adxudicación do dereito de arrendamento de dúas parcelas de titularidade municipal ocupadas por explotacións mineiras na parroquia de Budiño.

O alcalde de Porriño, Nelson Santos, manifesta que con esta actuación “o Concello do Porriño dá un paso máis no proceso de regulación da actividade das empresas que explotan estas canteiras, permitindo deste xeito, tanto aos titulares das explotacións como aos seus traballadores, legalizar a súa situación e dotalos de seguridade xurídica necesaria para desempeñar a súa actividade”.

A concesión destas licenzas de actividade, en base aos requisitos legais establecidos, é o primeiro dos pasos para normalizar este sector tan arraigado na nosa localidade e supón un aspecto crave para recuperar a súa competitividade, á vez que dá resposta ao que, desde hai décadas, demandan os canteiros, poder desempeñar a súa actividade dentro do marco legal que corresponde, nunha situación totalmente regular. Neste sentido, o rexedor quere mostrar o seu agradecemento “ao persoal técnico do Concello, ao secretario, ao interventor, asesores xurídicos, arquitectos e enxeñeiros que co seu traballo colaboraron neste longo procedemento, así como a colaboración de Pocasa-Porriñesa de Canteiras, titular do recurso mineiro”.

E é que este é un feito sen precedentes no noso municipio, xa que desde fai case un centenar de anos un dos principais motores económicos da nosa localidade atopábase en situación totalmente irregular.

“En cumprimento do acordo plenario do 7 de Maio de 2012 demos un paso máis no proceso de legalización das canteiras, coa finalidade de dotar ao sector da seguridade xurídica necesaria para poder seguir traballando e xerando riqueza e emprego no noso termo municipal, aspectos tan necesarios nestes tempos”, explica o edil, Carlos Martínez.

Neste primeiro paso, trátase de dúas explotacións baixo concesión mineira Benedicta 1544, que serán arrendadas por espazo de 15 anos. O arrendamento destas, a primeira delas cunha superficie de máis de 121.000 m2 e a segunda cunha extensión de preto de 80.000 m2, suporá un ingreso anual ás arcas municipais de máis de 238.000 euros.

Cabe destacar, que ademais destas dúas ocupacións, regularizarase tamén, en similares termos, a actividade de oito explotacións máis que ata agora atópanse en idéntica situación, á espera de completar determinados trámites procedimentales.

4 de novembro de 2014 | 20:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.