O Porriño celebrará unha nova edición das xornadas micolóxicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O Concello do Porriño, a través da concellaría de Medio Ambiente dirixida por María José Martínez, organiza a segunda edición das xornadas micolóxicas, que se celebrarán no municipio desde o día 12 ata o 16 de novembro. O obxectivo desta actividade é o de ofrecer información aos interesados acerca de como recoñecer e distinguir cogomelos comestibles dos tóxicos, así como da súa correcta recolección e transporte segundo indican a recente norma aplicable, que contempla sancións que van desde os 60 ata os 1000 €.

Para entrar con bo pé no mundo dos cogomelos, nada mellor que comezar coa charla informativa “Iniciación á Micoloxía”, que se ofrecerá o mércores 13, ás 20:30 h pola profesora titular do Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo, Marisa Castro.

A segunda cita terá lugar o xoves 13, de 20:30 a 22:00 h; na que aprenderemos a “Cociñar con cogomelos” descubrindo as numerosas opcións deste alimento e sobre as súas propiedades culinarias, todo iso grazas ao especialista e, á súa vez secretario, da Federación Galega de Micoloxía, José Luís Tomei.

O venres 14, ás 20:30 h, a bióloga especialista en Micoloxía – Grupo Micolóxico Galego “Luís Freire”-, Puri Lorenzo, ofrecerá un relatorio sobre “Boletus e xéneros afíns”, pondo punto final ás sesións informativas no Centro Cultural Municipal.

O contacto directo coas protagonistas será o sábado 15; desde as 10:00 até as 13:30 h, os participantes farán unha saída guiada e informativa para a recollida e identificación de exemplares. Esta saída contará coas explicacións e formación de Puri Lorenzo e o biólogo especialista en Micoloxía – Grupo Micolóxico Galego “Luís Freire”-, José Rodríguez. Entre as 16:00 e 20:00 h, terá lugar a montaxe da exposición micolóxica cuxas portas se abrirán ao día seguinte.

Para finalizar estas xornadas, o domingo 16, terá lugar unha exposición e consulta aberta a todo o público na que, os expertos que nos acompañaron durante estes días, aclararán as dúbidas dos asistentes achega do mundo dos cogomelos, será no Círculo Recreativo Cultural en xornada partida de 10:00-14:00 h e de 17:00-20:00 h.

Todos aqueles interesados en participar, xa poden formalizar a súa inscrición acudindo ao Centro Cultural Municipal.

1 de novembro de 2014 | 12:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.