O Porriño aproba a nova ordenanza que regulará o servizo de taxi
A Corporación local aprobou inicialmente por unanimidade a modificación da Ordenanza Municipal reguladora dos Servizos Urbanos de Transporte en Automóbiles Lixeiros (taxis) do Concello do Porriño. Esta norma, que regula o réxime xurídico aplicable ao servizo de taxi con licenza no municipio, inclúe unha serie de modificacións da anterior para adecuala á nova normativa autonómica, a Lei 4/2013, de 30 de maio; que unifica a regulación do servizo de taxi de todos os municipios galegos.
O alcalde do Porriño, Nelson Santos, explicou que “algúns aspectos deste servizo público non se atopaban regulados explicitamente ata o momento. Nesta nova ordenanza especifícanse cales son os dereitos e obrigacións tanto dos profesionais que prestan este servizo no noso municipio como dos seus usuarios, o que reverte directamente nunha maior trasparencia e claridade na xestión do servizo e por tanto, nunha maior calidade do mesmo”.
Unha das novidades máis importantes que recolle esta ordenanza, é a implantación de taxímetros. Este deberá contar con impresora de factura e estará debidamente precintado, homologado e verificado, conforme ás normas establecidas; situarase no terzo central do cadro e estará iluminado cando se atope en funcionamento, de forma que estea visible en todo momento para os pasaxeiros.
Outro matiz importante que regula esta nova norma, é que o número máximo de licenzas que poderá ostentar cada titular será de dous e tamén se ofrecerá unha maior protección ao empregado, exercendo un maior control sobre contratacións ou despedimentos.
O contido desta nova ordenanza levará ao próximo pleno da Corporación Local para a súa aprobación definitiva. Tras a cal se dará o último paso na regulación íntegra deste servizo, a aplicación duns módulos tarifarios. Isto permitirá a unificación de prezos entre os taxistas, aspecto que ata o momento non se atopaba regulado polo que as tarifas dependían unicamente do criterio do taxista. Estas medidas repercutirán na seguridade e confianza do usuario á hora de contratar este servizo no Porriño, xa que en todo poderá ver o dispositivo e coñecer o tarifario en base ao cal traballa.
Tamén se amplía o horario de modo que haberá taxis de servizo as 24 horas, durante os 365 días do ano, algo que poucos municipios ofrecen. Cabe destacar que O Porriño tamén disporá de dúas novas paradas, unha na rúa Pío XII e outra no Centro de Saúde, ademais da xa existente situada en “A Central”.
O Concello do Porriño ten previsto que esta nova normativa poida empezar a aplicarse desde o 1 de xaneiro do 2015.











