O Fórmula Rallye 2014 confirma a presenza de Panizzi e Delecour e do campión español Amador Vidal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaSilleda
A-
A+

O Fórmula Rallye 2014 contará coa presenza no recinto Feira Internacional de Galicia de dous recoñecidos pilotos internacionais, Gilles Panizzi e François Delecour, os cales competirán o sábado 13 de decembro, data de celebración deste evento, que finalmente se desenvolverá nesta única xornada para concentrar o espectáculo e facilitar a asistencia a todos os afeccionados.

O francés Gilles Panizzi, referente no Campionato do Mundo a principios dos 2000 como piloto oficial de Peugeot e Mitsubishi, tivo gran éxito de 2000 a 2003 nas tres datas sobre asfalto (Rallyes de San Remo, Córcega e Catalunya-Costa Daurada), con sete triunfos e catro segundos lugares. Pola súa banda, o tamén francés François Delecour, subcampión do mundo en 1993, competiu no Campionato do Mundo de Rallye dende 1984 ata 2002, gañando en catro citas (Rallyes de Portugal, Córcega, Catalunya-Costa Daurada e San Remo) e subindo ao podio 19 veces.

Por outra parte, o Fórmula Rallye 2014 ten tamén confirmada a presenza do recente campión de España de Rallyes de Terra, Amador Vidal, quen se alzou co título o pasado sábado nun duro duelo co seu rival máis directo, Jorge del Cid.

O palmarés e rivalidade dos dous pilotos internacionais, donos do asfalto nos anos 2000, e a espectacularidade e rapidez demostrada por Vidal no Campionato de España aseguran o interese dunha cita na que a organización segue a traballar para contar tamén co Campión Galego de Rallyes, o de España de Rallyes de Asfalto e con algún rexional de Comunidades limítrofes.

Inscrición aberta

Os interesados en participar no Fórmula Rallye 2014 poden inscribirse xa a partir de hoxe a través da web do evento, www.formularallye.com. As prazas están limitadas a 40.

En canto ás entradas, que terán un prezo de 15€ en taquilla e de 12€ en venta anticipada, poderanse adquirir a partir do venres en puntos de venta (daranse a coñecer) de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Oviedo, Ponferrada e León.

O Fórmula Rallye celebrará durante a mañá dúas mangas de recoñecemento e unha oficial, mentres que pola tarde se levarán a cabo unha de recoñecemento e dúas oficiais, das cales sairán os clasificados para as finais e tamén os que participarán nunha repesca para poder competir na final e ter opcións a podio.

A proba, que dá cabida ás categorías de tracción total, dúas rodas motrices e prototipos, discorrerá por un circuíto no que nas mangas finais correrán dous participantes á vez e que contará con máis de 30.000 metros cadrados, dos cales 10.000 serán dentro do pavillón 1 do recinto e os restantes no exterior.

 

19 de novembro de 2014 | 13:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.