O Festival contra o Cancro de Silleda vedeu máis de 2.000 entradas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O Festival Contra o Cancro, un evento organizado pola Fundación Semana Verde de Galicia co obxectivo de apoiar o gran labor levado a cabo desde a Asociación Española contra o Cancro, vendeu en preventa e despacho de billetes máis de 2.000 entradas, aínda que acudiron ao recinto para gozar das actuacións preto de 1.600 persoas.

O concerto, no que se deron cita 7 grandes artistas da música española que repasaron os seus mellores temas dos 80 e 90, comezou ás 22.30 horas coa actuación do DJ Juan Rivas. A continuación sucedéronse no escenario Nacho Campillo (de Tam Tam Go), Javier Ojeda (de Danza Invisible), Carlos Segarra (de Los Rebeldes) e Javier Gurruchaga (da Orquestra Mondragón), para volver actuar de novo Juan Rivas. Tras el foi a quenda de Pepe Begines (de No me pises que llevo chanclas), Pablo Carbonell (líder dos Toreros Muertos) e Bernardo Vázquez (de The Refrescos). Todos eles estiveron acompañados dunha banda base formada por importantes músicos do noso país.

“Atrapados en la red”, “Espaldas Mojadas” “Sabor de Amor”, “A este lado de la carretera”, “Mediterráneo”, “Mescalina”, “Corazón de Neón”, “Viaje con Nosotros”, “Canario”. “¿Y tú de quién eres?”, “Agüita amarilla”, “Manolito” ou “Todo, Nada”   foron algunhas das populares cancións que puido escoitar o público asistente.

Un fin de festa con parte dos artistas, no cal interpretaron varios temas de forma conxunta, e unha nova actuación de Juan Rivas pecharon o Festival Contra o Cancro entorno ás 04.30 horas.

Durante o concerto destacou a gran interpretación realizada polos artistas, os cales suman 30 números uno ao longo da súa vida musical e máis de 10 millóns de discos vendidos, e o bo son, tras o esforzo realizado pola Fundación Semana Verde para mellorar a acústica do pavillón coa colocación dunha tea especial de 40 metros de ancho por 14 metros de alto que tamén se empregará no Closing Tour e a aposta por un equipo de son de gran calidade.

Na celebración deste Festival contaron con gran importancia os patrocinadores, os cales foron a Dirección Xeral de Xuventude, Nudesa, Airas Cátering, Grupo Antolín, Staroil, Agapel, El Corte Inglés e o Concello de Silleda, e tamén foi fundamental a colaboración de todos os Concellos de Deza e Tabeirós, que participaron na venda de entradas.

XORNADA SOLIDARIA

A Feira Internacional de Galicia viviu onte unha intensa xornada na que ademais do Festival acolleu a I Comida Solidaria da AECC do Deza, á cal acudiron ao redor de 300 persoas, entre elas algúns dos artistas participantes no Festival, alcaldes da comarca e outras autoridades. Ademais da propia comida, o evento contou con sorteo de agasallos e unha sesión de baile na que actuaron o DJ silledense Sanse, a cantante Sabela e o grupo de Merza Sons da Mina.

Por outra banda, levouse a cabo a inauguración do Centro Multiaventura do recinto, o cal da man da empresa TURNATIVA estará aberto todos os fins de semana do presente ano. Onte tomou como base durante todo o día o pavillón 2 do recinto e a súa actividade redundou parcialmente nos ingresos do Festival, contando con actividades lúdicas como karting, tirolinas, paintball, touro mecánico, rocódromo, 4×4, buggies, quads e inchables.

9 de novembro de 2014 | 20:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.