O Concello do Porriño mellora a seguridade no acceso ao parque de bombeiros
O Concello do Porriño acometerá unha serie de obras no viario principal do Polígono das Gándaras para mellorar a seguridade do acceso ao Parque de Bombeiros do Porriño, pertencente ao Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo Contra Incendios e Salvamento.
“Con esta actuación, que supón un investimento de preto de 10.000 euros, o Concello dá solución a un problema que afecta á seguridade na incorporación en atención a sinistros dos vehículos de emerxencias do Parque de Bombeiros do Porriño”, explica o alcalde do Porriño, Nelson Santos, “as melloras que levarán a cabo neste tramo implementarán tanto a seguridade dos vehículos que circulen por este viario como a dos vehículos de emerxencias, reducindo considerablemente o risco de colisión”.
O exceso de velocidade dos vehículos que transitan por este viario, na súa maioría vehículos pesados e por tanto, cunha longa distancia de freado, supón un importante risco para os vehículos de emerxencias do Parque de Bombeiros no momento de saír para un servizo urxente, a pesar da prioridade que estes teñen.
Co cal, e como medida urxente, o Concello instalará en ambos os sentidos de circulación bandas ou badéns reductores de velocidade acompañados da correspondente sinalización de advertencia, a fin de reducir a velocidade dos vehículos que transitan por este viario.
Por outra banda, procederase á eliminación dun dos parterres de herba que existen nos laterais das saídas do Parque de Bombeiros, e á redución a aproximadamente a metade do seu tamaño dos outros dous. Estes parterres, delimitados por bordos de formigón, teñen un trazado recto ou cun mínimo radio de curvatura, o que obriga aos vehículos de emerxencias a invadir o carril contrario durante a manobra de xiro e incorporación, co risco engadido que isto supón para a seguridade viaria. A eliminación dun deles, e o novo trazado modificado dos dous extremos, dotándoos dun maior radio de curvatura minimizarán considerablemente este risco.











