O Concello do Porriño levará a cabo a restauración integral do palco de música do Parque do Cristo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O paso dos anos, a climatoloxía e a erosión natural dalgún dos seus materiais fixeron madeixa nunha das construcións máis emblemáticas do centro urbano porriñés, o Palco de música do Parque do Cristo. Actualmente, presenta unha deterioración evidente polo que o Concello do Porriño, co informe favorable da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Pontevedra e en base ás pautas marcadas previo estudo técnico, procederá á restauración da que é unha das obras máis representativas da nosa vila desde o punto de vista arquitectónico, urbanístico e histórico.

Este palco loce baixo a arboleda do Parque do Cristo desde principios do século XX, cando foi doado ao pobo do Porriño por un dos seus grandes mecenas, D. Servando Ramilo Nieves. A día de hoxe, o palco mantén íntegra a súa base en pedra e a súa estrutura orixinal.

“Desde o Concello do Porriño traballaremos, como ata agora fixemos, na defensa e posta en valor do rico patrimonio arquitectónico que atesoura o noso municipio”, manifesta o alcalde do Porriño, Nelson Santos, “O palco de música do Parque do Cristo, do mesmo xeito que outros monumentos e edificios, ademais de conformar patrimonio material da nosa vila, forman parte da historia persoal de todos os veciños do Porriño, o que para o Concello leva a gran responsabilidade de mantelos en perfecto estado de conservación para que tamén poidan formar parte da historia e o recordo das futuras xeracións de porriñeses”.

As actuacións, centraranse sobre todo na parte máis danada, a estrutura da cuberta, que actualmente se atopa fóra de servizo, totalmente atacada pola corrosión, polo que será retirada completamente para a súa posterior reconstrución, tamén en aceiro, seguindo o mesmo esquema de sustentación orixinal. Así mesmo, procederase á retirada e posterior reconstrución das chapas de cuberta, que se atopan visiblemente danadas, e á colocación dun novo falso teito de madeira, reproducindo a súa configuración orixinal. Tanto a base do palco, construída en granito, como os alicerces, atópanse nun estado aceptable, no entanto, serán limpados a fin de mellorar o seu estado.

No que respecta a ornamentación, a causa da deterioración da cuberta actualmente as pezas da coroa ornamental de remate están na maioría dos casos fóra da súa posición, desaparecendo mesmo algunha delas polo que, procederase á retirada, limpeza e recolocación de cada unha das dezaseis pezas que a conforman e do remate en forma de lira que coroa o palco, así como a colocar unha copia en fundición dos elementos perdidos.

5 de novembro de 2014 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.